Aproveitando un espazo como RTVE, Olaya, unha veciña nada en Asturies e residente no Concello de Castroverde (Lugo), quixo dar voz á comunidade neofalante. Así se define esta concursante do programa “Te ha tocado”, quen foi clara na súa intervención: “Quero falar dos neofalantes”.
Ao seu paso polo programa, Olaya non perdeu a oportunidade para reivindicar a lingua galega e a importancia da súa transmisión interxeracional. Ademais, deu a coñecer a toda España o que son os neofalantes, definíndoos como as persoas que “se atreven a soltarse co idioma”.
Ante a pregunta do presentador de se xa coñecía o idioma, Olaya respondeu en galego: “Non o coñezo completamente pero intento falalo o mellor que podo”, intervención seguida dun aplauso por parte do público.
“Quería aproveitar para facer unha mención a todas esas familias, nais, pais avoas, que están educando a eses nenos en galego porque son nenos que medran sabendo o que é un bico, unha aperta, un agarimo, un aloumiño á noite”, reivindicou a concursante de “Te ha tocado”. “Fan que a nosa lingua non morra e sexa eterna, pese a quen lle pese”, concluíu.
Olaya é unhas das 30 participantes “Te ha tocado”, un programa de RTVE que se emite de luns a venres e que dirixe Raúl Gómez. Cada día, os concursantes enfróntanse en duelos de preguntas. A persoa que chegue ao duelo final, poderá participar no billar xaponés, unha rampla con buratos a través dos cales gañar agasallos, diñeiros, ou o bote do programa.