Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

O cine en galego chega a Xixón

As curtametraxes O niño dos Paxaros ou III Marías son algunhas das pezas audiovisuais galegas que se poderán ver na cidade de Xixón do 4 ao 7 de maio, dentro da programación da edición do VIII CortoGijón, que se celebrará na cidade.

Cada ano, o festival ofrece contido audiovisual dun espazo xeográfico concreto dentro da súa sección Conexiones, que este ano recae no cine feito en Galicia. Aínda que “sen deixar de perder a perspectiva global que aporta o cine”, como explican dende a organización, este ano elixiron poñer o foco na nosa comunidade. “É unha parada obrigatoria onde poder analizar a amplia variedade de estilos, formatos e miradas que propoñemos nesta edición de conexións”, engaden.

Conexiones, organizada pola Asociación de Cineclub Asturias, levará á cidade asturiana 4 proxeccións nas que se poderá “visibilizar as novas miradas e novas creacións” de Galicia, e que se desenvolverán no CMI El Llano.

Dende CortoGijón destacan o panorama audiovisual actual de Galicia, con recoñecidos festivais como o Festival de Cans, a Mostra Internacional de Cine Etnográfico, Curtocircuito ou a Mostra de Cine Periférico. “Non é casualidade que a inxente nómina de festivais estea estreitamente relacionada co xurdimento de grandes nomes que puxeron o cine galego en relevancia”, explican dende a organización.

Catro propostas documentais e tres de ficción en galego serán as que se poidan ver no CMI El Lano dende o 4 ao 7 de maio. III Marías, de Andrea Bouzo; Nido, de Alejandro Rodríguez; Jakobsland, de Fabián Figueroa; Nun tempo de horta, de Carmen PG Granxeiro; O nido dos paxaros, de Lucía Estévez; El último de Arganeo, de David Vázquez; e Persoa, Pobo, Paisaxe, de Daniel Pérez, son as pezas audiovisuais que representarán Galicia na comunidade veciña.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.