A xornalista italiana afincada en Galicia Alice Piccardi contou na sétima edición do proxecto LGx15 a súa experiencia co idioma ao chegar e vivir en Galicia e, por suposto, falando galego. O seu primeiro contacto co galego foi a través da web da Universidade de Santiago de Compostela (USC) na procura dun destino de Erasmus. Deuse de conta de que estaba a ler unha lingua que non era a castelá e lembrou a existencia de varias linguas no Estado español.
Ela, como italiana que vivía preto da fronteira con Suíza, trasladou o modelo lingüístico do país centroeuropeo a España. É dicir, ela pensaba que en Galicia todos falaban en galego. Unha vez en Santiago de Compostela decatouse dos “problemas” do bilingüismo, da diglosia existente que puido comprobar ao longo dos seus 20 anos residindo en Galicia.