Máis de cinco décadas de investigación sobre a diversidade territorial da lingua galega poden consultarse desde este xoves a través de internet. O Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) presentou esta mañá o ALGa dixital, unha plataforma que reúne preto de 900 mapas interactivos elaborados a partir dos materiais do Atlas Lingüístico Galego e cuxo desenvolvemento contou co apoio da Fundación Barrié.
O proxecto abre novas posibilidades para o aproveitamento dun dos principais fondos documentais sobre o idioma, permitindo explorar a distribución xeográfica das súas variantes, comparar formas lingüísticas e acceder aos datos recollidos durante as enquisas realizadas na década dos setenta. A ferramenta pretende achegar este patrimonio tanto á comunidade investigadora como ao ámbito educativo e á cidadanía en xeral, sen necesidade de contar con coñecementos especializados en lingüística.
A presentación da plataforma, celebrada na sede do Instituto da Lingua Galega en Santiago de Compostela, contou coa participación da reitora da USC, Rosa María Crujeiras; a directora da Fundación Barrié, Carmen Arias; a directora do ILG, Elisa Fernández Rei, e o director do proxecto, Xulio Sousa, quen realizou unha demostración das funcionalidades da aplicación e avanzou as próximas liñas de traballo do equipo investigador.
Ver en Xornal de Compostela