Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Galegos ao outro lado do mar: así vive a mocidade do Santiago Apóstol de Bos Aires

Hai unha Galicia que queda a milleiros de quilómetros da Península Ibérica, no barrio porteño de Balvanera. Alí, entre o tráfico, os comercios e a diversidade cultural dunha das zonas máis concorridas de Bos Aires, un grupo de rapaces aprende galego, estuda a historia e a xeografía de Galicia, celebra o Samaín, baila muiñeiras e coñece dende pequeno nomes como os de Castelao ou Antón Alonso Ríos. Para eles, Galicia forma parte da vida escolar antes mesmo de pisala.

Un grupo de estudantes do Instituto Argentino Gallego Santiago Apóstol levou estes días esa experiencia ás xornadas Compostela Histórica. A súa intervención permitiu escoitar directamente unha xeración nacida en Arxentina que medrou nun centro concibido para manter a conexión coa cultura galega entre os descendentes da emigración. Fixérono falando en galego e explicando unha realidade na que as identidades galega e arxentina non aparecen como opcións excluíntes.

“Non se nos obriga a elixir entre dúas culturas“, resumiu un dos alumnos ao describir o modelo educativo do centro. A idea, explicou, é construír unha identidade na que ambas poidan convivir e que, ao mesmo tempo, permita desenvolverse nun contexto multicultural.

O Santiago Apóstol abriu as súas portas en 1998, impulsado pola Xunta de Galicia, sendo presidente Manuel Fraga, e o Centro Galicia de Buenos Aires a través da Fundación Galicia-América. O proxecto daba continuidade a unha aspiración presente desde décadas atrás entre sectores da colectividade galega emigrada: crear en Arxentina unha institución educativa que contribuíse a conservar e transmitir a súa cultura.

Os propios estudantes lembraron esa orixe durante a súa intervención. “Era algo moi necesario para non esquecer de onde vimos e para seguir adiante como galegos”, sinalou unha das alumnas ao reconstruír a historia do centro. Outro compañeiro subliñou que a creación dunha institución destas características a tanta distancia de Galicia requiriu dun importante esforzo humano e económico por parte das entidades implicadas.

Para eles, porén, esa historia non é só unha cuestión do pasado. O resultado está presente nas materias que cursan, nas actividades que realizan e mesmo nos corredores polos que pasan cada mañá.

O galego que non se aprende como unha lingua estranxeira

Unha das ideas que máis se repetiu entre o alumnado foi precisamente a relación coa lingua. “No Instituto Galego, a lingua galega non é unha lingua estranxeira“, explicou unha das estudantes. Para eles, engadiu, é tamén “a voz” das xeracións que participaron na construción da institución e das familias que mantiveron a relación con Galicia despois da emigración.

O currículo do Santiago Apóstol combina as esixencias educativas arxentinas con contidos propios sobre lingua, historia, xeografía e cultura galegas. Mais, segundo explicaron, a transmisión cultural non queda limitada aos libros ou ás clases de gramática.

O Samaín, o San Xoán, a gastronomía, a música ou o baile forman tamén parte da experiencia escolar. “Cando tocamos a pandeireta ou cando bailamos muiñeiras” están lembrando, dixo unha das rapazas, o esforzo de quen viu na educación unha ferramenta para conservar a cultura galega desde o outro lado do Atlántico.

Nesa transmisión desempeñan igualmente un papel central as familias. “Detrás de cada alumno e alumna están as familias”, incidiu outra estudante, que definiu esa contorna como unha comunidade que se emociona nos actos do centro e que permite manter a conexión entre Galicia e Arxentina máis alá das aulas.

A presenza do galego convive, ademais, coa realidade dun barrio profundamente diverso. O centro atópase en Balvanera, coñecido popularmente como Once, unha zona na que coinciden comunidades de múltiples procedencias.

Un dos alumnos destacou precisamente esa circunstancia: arredor deles conviven persoas de orixe peruana, chinesa e doutras comunidades migrantes. Esa diversidade, explicou, permite que a identidade galega se desenvolva en contacto permanente con outras culturas e non como un elemento illado do seu contorno.

Un colexio entre Castelao e a realidade virtual

A maneira de transmitir esa identidade tampouco permanece ancorada unicamente nas ferramentas tradicionais. O instituto incorporou nos últimos anos un polo creativo, financiado pola Xunta, con recursos vinculados á robótica, á programación, ao audiovisual, á impresión 3D e á realidade virtual.

Os estudantes explicaron durante Compostela Histórica como esas tecnoloxías poden empregarse tamén para aprender materias humanísticas. A realidade virtual, por exemplo, permite recrear escenarios ou momentos históricos, mentres que cámaras, micrófonos e outros equipamentos audiovisuais amplían as posibilidades para desenvolver proxectos dentro das aulas.

Para un dos alumnos, a cuestión non pasa por enfrontar tecnoloxía e cultura, senón por utilizalas de maneira complementaria: “É moi importante integrar a tecnoloxía xunto coas sociais, a historia e o visual“, explicou. Trátase, engadiu, de non “combater a tecnoloxía”, senón de empregala para aprender e innovar.

Esa convivencia entre memoria e futuro aparece de forma recorrente no discurso dos estudantes. O instituto mantén unha relación estreita co Centro Galicia de Buenos Aires e coa memoria da colectividade emigrada, ao tempo que incorpora ferramentas tecnolóxicas e unha formación pensada para facilitar a mobilidade académica.

O centro conta, ademais, cun convenio educativo que permite avanzar no recoñecemento dos estudos realizados polo alumnado e reforzar as conexións co sistema educativo español. Os rapaces destacaron que isto pode facilitar no futuro estudos universitarios, posgraos e intercambios con outros centros.

Para eles, esa homologación ten tamén unha dimensión simbólica: supón, segundo explicou un estudante, “unha maneira de mostrar e validar todo o que nós estudamos na nosa escola“.

A Galicia estudada e a Galicia que se pode tocar

Todo ese percorrido desemboca nun momento especialmente agardado pola comunidade escolar: a viaxe de estudos a Galicia que realizan as promocións que rematan a súa etapa no centro.

Os alumnos presentes en Compostela Histórica estaban vivindo precisamente esa experiencia. E foi ao falar dela cando o discurso máis institucional sobre materias, programas educativos e convenios deu paso ás impresións persoais.

“É un regreso moi especial ás nosas raíces“, definiu unha das rapazas. Para o alumnado, explicou, a viaxe supón coñecer finalmente lugares que levan anos estudando desde Bos Aires e confrontar a Galicia aprendida nos libros coa Galicia real.

“Agora temos a oportunidade de coñecer un lugar que estudamos desde pequenos”, contou. A experiencia permite ver directamente espazos sobre os que traballaron durante anos, pero tamén compartir unha viaxe que consideran un dos momentos centrais da súa etapa escolar.

A sensación ao chegar quedou resumida nunha das frases da intervención: “Cando chegamos a Galicia, sentimos que todo ten sentido“.

A viaxe funciona así como unha especie de peche do percorrido iniciado nas aulas porteñas. Antes de cruzar o Atlántico, Galicia era para estes estudantes unha lingua estudada cada semana, unha historia transmitida polos profesores, os relatos das familias, unhas coordenadas nun mapa, unha muiñeira ou unha celebración do calendario. Durante estes días pasou tamén a ser un territorio que poden percorrer.

Mais os propios rapaces insistiron en que a relación non remata cando regresen á Arxentina. A intención é volver a Bos Aires levando consigo esa experiencia e continuar facendo alí o traballo que leva décadas desenvolvendo a comunidade educativa.

“Volvemos ás nosas casas, á Arxentina, coa certeza de manter a cultura galega viva ao outro lado do mar“, concluíu unha das estudantes.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.