O catedrático emérito de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela Antón Santamarina Fernández recibiu este mércores o IX Premio Luís Porteiro Garea, co que a USC recoñece a súa contribución ao coñecemento, estudo e normalización da lingua galega. A Universidade salientou o seu papel como unha das figuras da lingüística galega contemporánea e a súa participación tanto na investigación das variedades do idioma como no proceso de configuración da súa forma culta actual.
A entrega do premio estivo presidida pola reitora da USC, Rosa Crujeiras, nun acto no que tamén interviñeron o investigador do Instituto da Lingua Galega (ILG) Xosé Luís Regueira, encargado de pronunciar a laudatio; a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana, e o responsable do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade, Manuel Núñez Singala.
Santamarina recibiu a distinción reivindicando precisamente o carácter colectivo do traballo lingüístico desenvolvido ao longo de toda a súa carreira. O profesor asegurou sentirse “un pouco sorprendido e confuso” polo recoñecemento e relativizou os seus propios méritos ao lembrar que o estudo e a promoción do galego formaban parte do seu traballo dentro da Universidade.
“Se algo fixen pola defensa do galego na Universidade ou polo avance no seu coñecemento como disciplina é porque pertencín ao Departamento de Filoloxía Románica, despois ao de Filoloxía Galega e tamén, simultaneamente, ao ILG; era a miña obriga promover o seu uso e dedicarme ao seu estudo; recibía un soldo por iso”, afirmou.
Dos primeiros manuais do ILG a un dicionario aínda en construción
O discurso do lingüista serviu tamén para percorrer máis de medio século de investigación arredor da lingua galega a través dalgúns dos proxectos nos que participou, coordinou ou exerceu labores de dirección. Santamarina insistiu, con todo, en que boa parte dese traballo non podería entenderse sen os equipos que o acompañaron durante estes anos: “O meu traballo sería imposible sen a axuda dos colaboradores, maiormente bolseiros”.
Entre os primeiros proxectos que lembrou figuran os manuais ‘Galego 1’, publicado en 1971; ‘Galego 2’, de 1972, e ‘Galego 3’, aparecido en 1974. Estas obras formaron parte das primeiras publicacións do Instituto da Lingua Galega, institución creada na USC en 1971 e da que Santamarina foi fundador e posteriormente director.
No extremo máis recente da súa actividade sitúase un proxecto que el mesmo cualificou de “inacabadísimo”: un dicionario descritivo do galego moderno no que continúa traballando. A obra comezou pola letra C, que reúne arredor de 13.000 entradas, e atópase actualmente na letra D. Santamarina expresou durante o acto o seu desexo de que o proxecto poida ser continuado no futuro por novas xeracións de investigadores.
O catedrático tivo tamén palabras para Constantino García, primeiro director do Instituto da Lingua Galega e unha das figuras fundamentais na institucionalización dos estudos galegos dentro da USC. Ao pechar a súa intervención, Santamarina volveu a vista cara ás máis de seis décadas transcorridas desde a súa chegada á institución académica.
“Desde o ano 1961, van aló 65 anos, esta Universidade foi a miña casa; pasei nela moitas horas diarias; aprendín moito tanto dos mestres como dos colegas”, sinalou. Por iso, concluíu, “en realidade son eu quen lle debe estar agradecido á Universidade de Santiago e non ao revés”.
A traxectoria de Antón Santamarina está vinculada a algunhas das principais obras de referencia para o coñecemento e a codificación da lingua galega das últimas décadas. Especialista en lexicografía, o seu campo de investigación estendeuse tamén á gramática, á sociolingüística, á historia da lingua, á etimoloxía, á dialectoloxía, á toponimia e á didáctica.
É un dos coautores do ‘Atlas Lingüístico Galego’, unha obra que permite documentar a diversidade xeográfica do idioma a partir do estudo das diferentes variedades faladas no territorio. Tamén foi responsable, xunto con Manuel González González, do ‘Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega’ (VOLGa), publicado en 1989.
O VOLGa estableceu un corpus léxico de referencia que acabaría servindo de base para a maior parte dos dicionarios galegos contemporáneos, converténdose nunha das ferramentas centrais do proceso de codificación e estandarización do idioma.
Santamarina participou igualmente na dirección do ‘Dicionario da Real Academia Galega’ e foi editor do ‘Dicionario de dicionarios’, publicado en 2003. Esta última ferramenta permite consultar de maneira conxunta as definicións que unha mesma palabra foi recibindo nos distintos dicionarios elaborados en galego ao longo do tempo, facilitando así a investigación da evolución do léxico e dos seus significados.
Outro dos grandes proxectos ligados ao investigador é o Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILG), que dirixe. Este corpus reúne textos procedentes de máis de 3.000 documentos en galego, datados entre 1612 e 2013, e suma arredor de 34 millóns de formas gráficas. A ferramenta permite estudar a utilización real das palabras e estruturas lingüísticas ao longo de varios séculos de produción escrita.
A súa actividade investigadora transcendeu ademais a lexicografía. Santamarina é coautor, xunto coa musicóloga suíza Dorothé Schubarth, do ‘Cancioneiro popular galego’, publicado pola Fundación Barrié entre 1984 e 1988. A colección, integrada por sete volumes, recompila materiais de tradición oral recollidos por Schubarth en máis dun cento de localidades de fala galega entre 1978 e 1983. O traballo recibiu en 1985 o Premio da Crítica Galicia na categoría de Música.
Ademais da súa vinculación fundacional co Instituto da Lingua Galega, Santamarina forma parte desde 1998 da Real Academia Galega, onde coordina o Seminario de Onomástica. A súa actividade institucional levouno tamén ao Consello da Cultura Galega, do que foi secretario entre 1976 e 1991, e á dirección da revista científica ‘Verba. Anuario galego de filoloxía’ entre 2010 e 2012.
Durante a entrega do Porteiro Garea, tanto Rosa Crujeiras como Xosé Luís Regueira puxeron o acento na discreción coa que Santamarina desenvolveu ese traballo. A reitora sinalou que quen “dedicou toda a súa vida a un traballo orientado ao colectivo, á lingua e, en definitiva, ao país, non ten especial interese en ser el mesmo o protagonista, aínda que o mereza”.
Crujeiras enmarcou o premio tamén como unha mensaxe dirixida ás novas xeracións da Universidade. “Con este premio estamos a dicir ás persoas máis novas que o esforzo, o compromiso, o coñecemento e a responsabilidade merecen ser recoñecidos”, afirmou.
A reitora definiu a carreira do lingüista como unha traxectoria “profundamente ligada ao estudo, á defensa e á dignificación da lingua galega” e salientou o seu papel en institucións como o ILG e a Real Academia Galega. Segundo Crujeiras, o seu traballo contribuíu a que o galego fose “estudado con rigor, preservado con criterio científico e transmitido ás novas xeracións”.
Pola súa banda, Xosé Luís Regueira incidiu durante a laudatio no afastamento de Santamarina dos focos públicos. “Antón non buscou nunca protagonismo, ben ao contrario, e por iso sei o incómodo que este acto é para el”, afirmou. Para o investigador do ILG, a concesión do galardón constitúe “un acto de xustiza” por unha carreira orientada ao traballo pola lingua e a cultura galegas.
O premio que lembra a primeira lección universitaria en galego
O Premio Luís Porteiro Garea foi creado pola Universidade de Santiago para distinguir persoas, entidades ou colectivos vinculados á propia institución que contribuísen á normalización da lingua galega no ámbito universitario. A edición concedida a Santamarina é a novena do galardón.
O xurado estivo presidido pola reitora Rosa Crujeiras e integrado tamén pola vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana; o director do Servizo de Normalización Lingüística, Manuel Núñez Singala; Elena Freire Paz, en representación da Comisión de Normalización Lingüística do Claustro, e Marta Irene Lois González e Mar Pérez Fra, representantes das comisións de normalización lingüística dos campus de Santiago e Lugo.
Antes de Santamarina recibiron esta distinción Manolo Bermejo, José Antonio Gómez Segade, Antón Costa, Antonio Rigueiro, Xosé Manuel Beiras, Margarita Ledo Andión, Marilar Aleixandre e Concha Losada, todos eles recoñecidos pola súa actividade a prol da presenza e normalización do galego dentro da institución académica.
O premio leva o nome de Luís Porteiro Garea, profesor de Dereito Civil e unha das figuras do galeguismo das primeiras décadas do século XX. A USC lembra a través deste galardón que Porteiro Garea protagonizou en 1915 a primeira lección impartida en lingua galega na Universidade de Santiago, un precedente histórico da incorporación do idioma propio de Galicia á docencia universitaria.