Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Axuntar e PuntoGal unen forzas para reforzar a normalización do galego no Eo-Navia

PuntoGal e a asociación Axuntar veñen de asinar un convenio de colaboración co obxectivo de fortalecer as iniciativas de promoción, normalización e difusión do galego de Asturias, a variedade galega falada na comarca do Eo-Navia. O acordo contempla varias liñas de traballo, entre elas o patrocinio dos Premios Folgueira 2026, a colaboración na reedición das normas ortográficas do galego de Asturias e a incorporación dun dominio .gal á presenza dixital da entidade asturiana.

No marco deste convenio, PuntoGal comprométese a patrocinar a edición de 2026 dos Premios Folgueira, uns galardóns que Axuntar entrega anualmente para recoñecer o labor de persoas, entidades e proxectos que contribúen á dignificación e normalización da lingua galega en Asturias. Estes premios forman parte das iniciativas impulsadas pola asociación para visibilizar o traballo a prol da lingua no occidente asturiano e para poñer en valor a continuidade dunha comunidade galegofalante situada fóra dos límites administrativos de Galicia.

Outra das medidas recollidas no acordo é a vontade de PuntoGal de colaborar na reedición das normas ortográficas do galego de Asturias, publicadas en 1990 pola Mesa prá Defensa del Galego de Asturias e da Cultura da Comarca. Segundo informa a entidade galega, estas normas “constitúen unha referencia fundamental para o estudo e a promoción da lingua e servirán de base para os cursos e actividades formativas que Axuntar organice no ámbito da normalización lingüística”.

A reedición deste material permitirá, segundo trasladan as entidades asinantes, dispoñer dunha ferramenta de consulta e formación para persoas interesadas na aprendizaxe, no ensino e no estudo da variante galega do Eo-Navia. A presidenta de Axuntar, Natalia Jardón, explicou que esta colaboración facilitará a elaboración de materiais “para futuros docentes e para todas as persoas que desexen unha formación rigorosa na nosa variante xeolectal”.

Como primeiro paso, Jardón avanzou que, “grazas a .gal, poñeremos a disposición do público unha nova edición das Normas Ortográficas publicadas por profesores e lingüistas de Asturias e Galicia no ano 1990”.

O convenio inclúe tamén a cesión dun dominio .gal para o sitio web principal de Axuntar. A asociación asturiana prevé adoptar este dominio como enderezo principal da súa páxina e empregalo en todas as súas comunicacións dixitais. Con esta medida, a entidade busca reforzar a súa identificación coa comunidade lingüística e cultural galega e incrementar a visibilidade do galego de Asturias na Rede.

O presidente de PuntoGal, Manuel González, subliñou que a entidade entende o dominio .gal como unha ferramenta vinculada á pertenza a unha comunidade lingüística. “PuntoGal é un dominio lingüístico-cultural, que pretende servir de nexo de unión e de pertenza a unha comunidade lingüística para todas as persoas e entidades que se expresen en lingua galega en calquera parte do mundo, estean en Galicia, nos territorios de fala galega de Asturias, Castela e León ou Estremadura, en América ou en calquera outro lugar”, sinalou.

González engadiu que PuntoGal ten a responsabilidade de xestionar “con eficiencia e solvencia técnica” o dominio de internet .gal, mais tamén o compromiso de apoiar proxectos destinados ao fomento da lingua e da cultura galegas. Nese sentido, defendeu que a colaboración con Axuntar encaixa cos obxectivos fundacionais da entidade.

“Axuntar é unha asociación que leva no seu ADN o traballo pola conservación e promoción do uso do galego de Asturias, e, xa que logo, coinciden plenamente neste aspecto os seus obxectivos cos de PuntoGal”, afirmou o presidente de PuntoGal. González indicou ademais que para a entidade é “unha enorme satisfacción” colaborar con Axuntar para avanzar “no recoñecemento e no exercicio dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes do occidente de Asturias” e para “afortalar e facer máis vizoso o uso da lingua galega neste territorio”.

Pola súa banda, Natalia Jardón enmarcou o acordo nunha estratexia de cooperación con entidades que traballan a prol da lingua galega máis alá das fronteiras administrativas. “Seguindo as recomendacións do Consello de Europa no seu informe de 2024, Axuntar establece lazos de cooperación con organizacións que defenden a nosa lingua común, o galego, con independencia das fronteiras administrativas”, declarou.

A presidenta de Axuntar agradeceu o apoio de .gal e expresou a vontade de que esta colaboración contribúa a visibilizar e dignificar a realidade lingüística do occidente asturiano. “Agradecemos o apoio de .gal e esperamos que esta colaboración axude a visibilizar e dignificar a nosa terra galegofalante en Asturias”, apuntou.

Tamén o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, destacou a dimensión supraterritorial da lingua galega e a importancia de apoiar iniciativas no Eo-Navia. “O galego é unha lingua que transcende as fronteiras administrativas, e o galego de Asturias forma parte dun patrimonio lingüístico común que cómpre preservar e promover”, afirmou.

Janeiro sinalou que a colaboración con Axuntar permitirá contribuír tanto á visibilidade social do galego de Asturias como á súa presenza no ámbito dixital. Segundo indicou, “o dominio .gal é unha ferramenta ao servizo de toda a comunidade lingüística galega”, polo que PuntoGal valora que Axuntar aposte por incorporalo ás súas comunicacións e á súa identidade na Rede.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.