Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Do activismo cultural ao deporte: catro proxectos reciben os VII Premios Mil Primaveras

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) entregará este sábado, 13 de xuño, os VII Premios Mil Primaveras, uns galardóns creados en 2019 para recoñecer e difundir iniciativas que teñen como obxectivo o fomento da lingua galega, o incremento do seu uso e a mellora do seu prestixio social.

O acto terá lugar ás 11.30 horas no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Pontevedra, con acceso libre ata completar a capacidade da sala. A entrega contará coa actuación da narradora oral e cantautora Iseo a Moura, integrante de formacións como Blues do País e Sacha na Horta, ademais de líder de Måi, proxecto co que presentou en 2023 o disco ‘Nigredo’.

Nesta sétima edición, o xurado decidiu recoñecer catro proxectos que desenvolven propostas de normalización lingüística desde ámbitos diversos, como a divulgación dixital, o lecer adolescente, a reflexión sociolingüística nos centros educativos ou a dinamización integral dunha comunidade escolar. As iniciativas premiadas son ‘As chaves da lingua’, ‘Comando Le: grupo de activismo cultural de Espazo Lectura’, ‘O Dépor é da Coruña’ e ‘Revolta Galega’.

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. A súa finalidade é poñer en valor proxectos considerados boas prácticas no ámbito da normalización lingüística, contribuír á súa difusión e ofrecer referentes que poidan ser útiles para outras persoas, entidades ou centros que traballan a prol do galego.

Entre os proxectos recoñecidos figura ‘As chaves da lingua’, unha iniciativa didáctica e divulgativa orientada a mellorar a calidade lingüística. O xurado destacou a súa orixinalidade, a súa imaxe, a calidade comunicativa e o bo uso das redes sociais, ademais da variedade de públicos aos que se dirixe e do seu enfoque práctico.

Tamén será premiado ‘Comando Le: grupo de activismo cultural de Espazo Lectura’, impulsado pola Asociación Espazo Lectura. Neste caso, o xurado valorou especialmente a capacidade da iniciativa para implicar a adolescencia, un público que precisa espazos propios de uso da lingua, nun contexto de lecer en galego. A proposta busca crear comunidade arredor da lectura e da cultura, compartindo entre iguais unha relación positiva co idioma.

Outro dos proxectos distinguidos é ‘O Dépor é da Coruña’, desenvolvido no IES Rafael Dieste. A campaña, nacida desde a mocidade, procura un cambio simbólico na cidade herculina e leva a reflexión sociolingüística máis alá do ámbito educativo. O xurado salientou a súa forza simbólica, a repercusión acadada fóra do centro e a súa capacidade para chamar á acción e abrir o debate no conxunto da sociedade coruñesa.

O cuarto recoñecemento será para ‘Revolta Galega’, do CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños, definido como un programa de dinamización lingüística integral para o centro. A proposta foi escollida por traballar en diferentes ámbitos da vida escolar e por contribuír a afianzar o uso do galego, ao tempo que promove a reflexión sobre a súa importancia social, patrimonial e cultural.

Coa edición deste ano, os Premios Mil Primaveras suman xa 36 proxectos recoñecidos desde a súa creación. A CTNL promove estes galardóns co obxectivo de identificar e difundir experiencias positivas de promoción da lingua galega, así como de proxectar o traballo desenvolvido por colectivos, centros, entidades e persoas que impulsan accións a favor da normalización.

Os proxectos premiados nesta e nas anteriores edicións poden consultarse no web milprimaveras.gal, onde se recollen as iniciativas seleccionadas polo xurado como exemplos de boas prácticas. O galardón identificativo desta sétima edición consistirá nunha peza artística elaborada por Artesanía Enxebre, obradoiro de madeira do Barco de Valdeorras.

Os VII Premios Mil Primaveras están promovidos e organizados pola CTNL, co apoio económico da Deputación Provincial de Pontevedra. Para o acto de entrega, a entidade conta tamén coa colaboración do Concello de Pontevedra.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.