Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Taina Grohmann, neofalante de Alemaña: “Se queres entender a alma dun galego, tes que falar a súa lingua”

A historia de Taina Grohmann demostra que o galego pode converterse nunha lingua de adopción mesmo para quen naceu a miles de quilómetros de Galicia. Filla de nai finlandesa e pai alemán, naceu e criouse en Alemaña, viviu durante anos en Finlandia e chegou á Coruña en 2020. Hoxe é unha neofalante que reivindica o galego como unha ferramenta fundamental para comprender a cultura do país e conectar coa súa xente.

Grohmann explica que a súa chegada a Galicia estivo ligada á súa historia persoal. Tras rematar os estudos trasladouse a Finlandia por motivos laborais, onde entrou en contacto cun ambiente internacional no que coñeceu numerosas persoas galegas. Entre elas estaba quen hoxe é o seu marido. Despois dun tempo no país nórdico, ambos decidiron establecerse en Galicia para estar máis preto da familia e tamén para gozar dun clima máis suave.

A súa relación con Galicia comezou antes mesmo de instalarse aquí. Asegura que en Finlandia xa escoitara falar da cultura galega a través das amizades que fixo alí, especialmente da música tradicional. Confesa que quedou fascinada polo folk galego, polos seus instrumentos e tamén pola sonoridade da lingua.

“Gustoume moito a música folk, os instrumentos, a escala menor e tamén o son da lingua. Para min é unha lingua moi bonita porque ten moitos vocais e moitos ditongos”, comenta.

Cando chegou a Galicia pasou unhas semanas no Grove antes de trasladarse definitivamente á Coruña. Esa experiencia serviulle para percibir unha diferenza notable no uso social do galego. Mentres na vila pontevedresa escoitaba a lingua con frecuencia, na cidade herculina atopou unha realidade máis castelanizada.

Aínda así, considera que o galego segue a ser esencial para participar plenamente na vida cultural do país. No seu caso, ademais, existía unha motivación familiar moi clara: a familia do seu marido é galegofalante e quería poder comunicarse cos seus sobriños na súa propia lingua.

A aprendizaxe non comezou ata que xa estaba instalada en Galicia. Actualmente estuda galego na Escola Oficial de Idiomas, onde leva dous anos formándose. Recoñece que o proceso non foi doado debido á distancia lingüística existente entre o galego e as linguas que coñecía previamente.

“As miñas linguas son bastante diferentes e non son linguas romances. O vocabulario e a gramática son distintos, así que si, custoume bastante chegar ata aquí”, admite.

Aprender galego como ponte coa xente

Un dos aspectos que máis lle chama a atención é a reacción que provoca cando fala galego. Asegura que a resposta adoita ser moi positiva, especialmente entre os galegofalantes, que adoitan mostrar sorpresa e satisfacción ao atoparse cunha persoa estranxeira que escolle expresarse nesta lingua.

Segundo relata, a xente non só valora o esforzo senón que tamén axuda cando aparecen dúbidas ou dificultades. Considera que este comportamento contrasta co que sucede noutros países, onde ás veces os interlocutores cambian rapidamente ao inglés cando perciben que unha persoa non domina completamente a lingua local.

“Aquí a xente anímate a seguir falando e axúdache cando non atopas unha palabra. Xérase unha situación moi positiva”, destaca.

A música foi unha das portas de entrada ao galego, pero non a única. Grohmann sinala que outra das grandes motivacións para aprender a lingua foi o teatro. Como afeccionada ás artes escénicas, sentía que estaba perdendo oportunidades culturais porque moitas propostas que lle interesaban desenvolvíanse integramente en galego.

Ademais, considera que boa parte dos espazos culturais do país empregan habitualmente esta lingua, polo que coñecela resulta fundamental para formar parte deles e participar plenamente.

“Falar a lingua crea unha conexión moi especial”

Ao remate da conversa, anima as persoas que chegan a Galicia dende outros lugares a dar o paso e aprender galego, mesmo se ao principio senten inseguridade ou dubidan da utilidade práctica de facelo.

Para ela, aprender a lingua vai moito máis alá dunha cuestión comunicativa. É unha maneira de comprender mellor a sociedade galega e de acceder a formas de pensar que non sempre poden traducirse a outros idiomas.

“Se queres entender como é a alma dun galego, tes que falar a lingua. Hai expresións e maneiras de pensar que non se poden traducir. Ademais, falar a lingua da xente crea unha conexión moi especial e moi familiar”, conclúe.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.