O presidente da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo, fixo público este 17 de maio, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, un chamamento a reforzar de maneira urxente o compromiso social e político co idioma galego ante o que define como unha situación de “niveis críticos” no proceso de substitución lingüística.
No artigo titulado O porvir do galego: compromiso cidadán e impulso político, Monteagudo recupera o chamamento realizado en 2024 polo daquela presidente da institución, Víctor F. Freixanes, a favor dun gran pacto político e social pola lingua, e considera que os datos coñecidos meses despois a través da enquisa do Instituto Galego de Estatística confirmaron esa necesidade. Segundo expón, esas cifras evidenciaron “a aceleración da tendencia á substitución do noso idioma”, cun descenso tanto no número de falantes como na competencia oral e escrita, especialmente entre a mocidade.
O máximo responsable da RAG rexeita, porén, unha visión derrotista sobre o futuro do galego. Fronte á pregunta de se “está todo perdido”, responde de forma taxativa: “Rotundamente, non”. Monteagudo sostén que existen sinais de maior conciencia social arredor da situación da lingua e destaca múltiples iniciativas desenvolvidas en ámbitos como o ensino, o deporte, a publicidade, a empresa ou os medios de comunicación, ademais da crecente presenza da música en galego.
Neste contexto, salienta que cada vez máis persoas e colectivos se preguntan “que podo facer eu —ou que podemos facer nós— a prol do galego?”, interpretando esta actitude como unha base social favorable para a recuperación lingüística.
Con todo, Monteagudo advirte de que a implicación cidadá por si soa non é suficiente. Na súa análise, a normalización lingüística necesita “un imprescindible impulso político” que permita aplicar medidas eficaces. O presidente da Academia apunta que xa existen propostas concretas tanto desde o ámbito institucional como desde o activismo social, citando expresamente o documento Un país coa súa lingua, promovido polo Consello da Cultura Galega, e o protocolo Lingua vital xa!, impulsado por Queremos Galego.
Tamén expresa expectativas sobre o proceso de revisión do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega promovido pola Xunta, no que participan especialistas de distintos ámbitos. Ao mesmo tempo, reclama afastar o debate lingüístico da confrontación partidaria, advertindo de que “o galego non pode seguir aferrollado no leito de Procusto das liortas partidistas”.
Begoña Caamaño como referente neofalante
No texto, Monteagudo vincula ademais o futuro da lingua coa figura homenaxeada nas Letras Galegas 2026, Begoña Caamaño, presentada como exemplo de compromiso persoal e transformación lingüística. O presidente da RAG lembra que a escritora viguesa, inicialmente castelanfalante, se converteu en neofalante por compromiso co país e desenvolveu en galego tanto a súa carreira profesional como a súa obra literaria.
Para Monteagudo, a súa traxectoria simboliza valores que considera fundamentais para o presente e futuro do idioma: “Compromiso, coidado, benquerenza, agarimo”.
Pecha o seu artigo recorrendo a referencias simbólicas da obra de Caamaño para formular o reto colectivo da lingua galega: atopar “o fío de Ariadna” que permita saír do actual labirinto sociolingüístico ou evitar que o idioma continúe atrapado nun proceso de avances e retrocesos.
A Real Academia Galega reafirma así o seu papel como actor activo na defensa e promoción do galego, comprometendo “todo o seu empeño, todo o seu saber e a súa mellor vontade” para contribuír a superar o desafío lingüístico.