Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Esther Estévez ironiza sobre o uso puntual do galego nas Letras cunha “consulta psicolóxica” satírica nas redes

A xornalista e divulgadora Esther Estévez, coñecida polo seu labor de activismo lingüístico e por ser a cara visible do proxecto ‘Dígocho eu‘, publicou nas súas redes sociais un novo vídeo en clave de humor e sátira co gallo do Día das Letras Galegas, no que reflexiona sobre a relación que parte da sociedade mantén co idioma propio de Galicia.

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de Esther Estévez (@esther.estevez)

No vídeo, Estévez interpreta dúas personaxes: unha psicóloga e unha paciente moi particular, a propia lingua galega. A través dunha suposta sesión terapéutica, o vídeo constrúe unha metáfora sobre a percepción de que o galego recibe unha atención masiva, aínda que puntual, cada 17 de maio, mentres durante o resto do ano esa presenza social se dilúe en menos casos.

A “paciente”, que representa o idioma, confesa sentirse especialmente alterada coa chegada desta data: “Síntome utilizada”, afirma, antes de matizar que durante boa parte do ano vive “super contanta e super tranquila” grazas ás persoas que a empregan e coidan de forma habitual. Porén, denuncia que coa chegada das Letras Galegas aparece unha “avalancha” de persoas que a reclaman de maneira repentina, incluídas moitas ás que “non vin en todo o ano”.

O diálogo emprega a retranca para poñer o foco nun fenómeno recorrente: a reivindicación simbólica ou estética da lingua en datas sinaladas, fronte á falta de uso cotián e compromiso sostido. Nese contexto, unha das referencias centrais do vídeo é a crítica á redución do galego a unha serie de palabras fetiche ou viralizables nas redes. “E xa non falemos da BAXA”, lamenta a protagonista, en referencia a termos como “Bolboreta, Axóuxere, Xoaniña, Aloumiño”, empregados con frecuencia como exemplo simplificado da riqueza léxica galega.

A sátira cuestiona así unha tendencia habitual nas campañas dixitais arredor da lingua: a selección recorrente de vocabulario rechamante ou emocional como representación parcial dun idioma moito máis amplo. “É que me reduce a catro palabras”, sinala a “lingua galega” no vídeo, reivindicando a existencia de “milleiros e milleiros” de palabras.

Outro dos momentos destacados chega cando a protagonista explica unha conversa co castelán, quen lle fai notar que a el “nunca lle preguntan cal é a súa palabra favorita”, apuntando con ironía á exotización que ás veces sofre o galego, tratado como curiosidade cultural máis que como vehículo normalizado de comunicación.

O remate da peza concentra boa parte da súa carga crítica. Xusto cando a sesión remata, a psicóloga interrompe para pedirlle á paciente “unha fotiño” co obxectivo de publicala na mañá do 17 de maio, nun xesto que sintetiza a denuncia do vídeo: o uso da lingua como símbolo de visibilidade puntual ou contido de consumo social, mesmo por parte de quen non mantén unha relación real e continuada con ela.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.