Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

A ciencia en galego perde visibilidade nas redes sociais, segundo un novo estudo do CCG

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou un novo documento de traballo que analiza a situación da divulgación científica en galego nas redes sociais e conclúe que o actual contexto dixital, marcado polos cambios constantes nos algoritmos e pola esixencia de maior produción audiovisual, está a dificultar tanto a proxección da ciencia como a visibilidade da lingua galega nestes espazos. O estudo, titulado ‘A divulgación científica en Galego nas redes sociais’, foi coordinado por Manuel Vicente e Iolanda Casal e propón quince medidas para reverter esta tendencia mediante máis recursos, mellora das condicións laborais e unha estratexia coordinada entre institucións, medios e creadores.

Durante a presentación, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, enmarcou este traballo dentro de dúas das preocupacións centrais da entidade: “a lingua e a ciencia”. Álvarez repasou a traxectoria histórica da institución neste ámbito e situou o informe como unha continuidade desa liña de actuación. Pola súa parte, a matemática e anterior coordinadora da Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade, Elena Vázquez Cendón, incidiu no impacto estrutural das plataformas dixitais ao sinalar que “o algoritmo é o coitelo do século XXI”, unha ferramenta que pode ser utilizada tanto para favorecer o acceso ao coñecemento como para condicionar negativamente os consumos culturais e informativos.

O coordinador do estudo, Manuel Vicente, resumiu unha das ideas centrais do documento cunha frase que atravesa toda a análise: “O algoritmo non xoga nin a favor da ciencia nin do galego”. Segundo explicou, o informe pretende ofrecer unha radiografía actualizada do ecosistema da divulgación científica na lingua propia de Galicia, asumindo que renunciar ás redes sociais sería contraproducente malia as súas limitacións, xa que continúan sendo espazos fundamentais para a circulación da información.

O traballo examina a evolución das principais institucións científicas galegas desde os primeiros usos de Facebook e Twitter/X ata o escenario actual dominado por formatos audiovisuais breves en plataformas como TikTok, Instagram, Youtube ou Twitch. A análise detecta adaptacións ás novas narrativas dixitais, pero tamén múltiples obstáculos estruturais: falta de continuidade nos proxectos, dependencia de convocatorias competitivas para o financiamento, temporalidade do persoal e precariedade nas condicións de traballo de moitas persoas dedicadas á comunicación científica.

Entre as propostas principais figura o reforzo dos equipos de comunicación e divulgación das institucións públicas de investigación, xunto coa mellora da estabilidade laboral destes profesionais. O documento tamén aposta por normalizar o uso do galego en todas as accións divulgativas do Sistema Universitario Galego, non só como lingua de transmisión, senón como elemento de identidade e valor diferencial.

Outra das liñas estratéxicas pasa por fortalecer convocatorias e incentivos para que comunidade investigadora e alumnado divulguen os seus traballos, acompañando estas medidas con formación específica en narrativas dixitais e oralidade en galego. O estudo tamén chama a identificar e apoiar novos perfís divulgadores, tanto nos campus universitarios como entre creadores independentes, co obxectivo de ampliar audiencias e consolidar referentes.

No ámbito mediático, o CCG propón á CRTGV a creación de formatos breves de divulgación sobre ciencia e vida cotiá, así como a ampliación de ferramentas xa existentes como Proxector, incorporando novos formatos como pódcasts ou reels. A maiores, deféndese a creación de repositorios institucionais de contidos científicos en galego e liñas específicas de apoio económico para produción nativa en redes sociais.

O informe tamén pon o foco na dimensión política e tecnolóxica do ecosistema dixital. Reclama ás grandes plataformas unha incorporación plena do galego nas súas ferramentas, incluíndo publicidade e intelixencia artificial, en igualdade con outras linguas. Neste punto, o estudo introduce unha comparación co modelo chinés: mentres a versión internacional de TikTok tende a priorizar contidos de entretemento viral, a plataforma Douyin impulsa en maior medida materiais educativos, científicos e culturais, aínda que esta orientación convive cun sistema de censura estatal.

Entre as recomendacións figura igualmente o fortalecemento da alfabetización mediática da cidadanía, a recuperación de campañas colaborativas con cancelos comúns para potenciar a difusión de contidos en galego e o establecemento de pontes coa divulgación lusófona, aproveitando a proximidade lingüística co portugués para ampliar horizontes de difusión.

O estudo recoñece ademais que existen exemplos consolidados que demostran a viabilidade da divulgación científica en galego, citando casos como Gciencia, así como a emerxencia de novos perfís especializados en ciencia e humanidades con presenza destacada en redes. Estas experiencias son presentadas como probas de que o galego pode funcionar como lingua eficaz para comunicar coñecemento e conectar con públicos diversos.

Este documento dá continuidade ao Informe sobre a divulgación da ciencia en Galicia elaborado en 2016, que xa destacaba a riqueza e diversidade do ecosistema galego neste ámbito. Dez anos despois, o novo diagnóstico apunta que o desafío xa non é só producir contidos, senón competir nun sistema dixital condicionado por algoritmos, recursos limitados e dinámicas de mercado que, segundo o CCG, obrigan a unha resposta máis estruturada para evitar que a ciencia en galego perda espazo no debate público dixital.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.