Na actualidade a tecnoloxía está presente en todos os ámbitos da vida cotiá e está ao servizo do usuario para todas as súas necesidades. Hai que destacar o seu valor como ferramenta didáctica, en concreto o auxe recente de aplicacións de aprendizaxe autónoma de idiomas. Pero, como de servicial é á hora de aprender linguas minoritarias ou minorizadas coma o galego?
Segundo apunta Nuria García García no seu estudo publicado pola USC As linguas románicas minorizadas da Península Ibérica nas apps, na Play Store atópanse poucas aplicacións de aprendizaxe do galego. Un par que se enfocan neste en exclusivo e algunhas que o ofrecen como un curso reducido dentro do seu programa. Entre todas suman unhas 10.000 descargas e unha puntuación ao redor de tres estrelas.
As queixas cara a estas iniciativas enfócanse nas inexactitudes das traducións, feitas de inglés a galego, e de problemas coa manexabilidade das aplicacións. Pese a que estas aplicacións veñen en inglés, polo que están pensadas para un público estranxeiro, as críticas veñen de usuarios locais que as instalaron por curiosidade e non se sentiron identificados co galego empregado.
Alternativas institucionais
Outras aplicacións alternativas que axudan na aprendizaxe do galego son o Diccionario RAG, realilzado pola Real Academia Galega coa colaboración da Fundación Barrié, e o Tradutor Gaio, realizado pola Xunta de Galicia.
Con todo, estas ferramentas non están concibidas como plataformas de aprendizaxe, senón máis ben como recursos de consulta. O Dicionario da Real Academia Galega permite resolver dúbidas léxicas ou normativas, mentres que o Tradutor Gaio facilita a comprensión de textos, pero ningún deles substitúe un proceso didáctico de aprendizaxe.
Unha lingua fóra das grandes plataformas
Esta carencia evidencia unha fenda importante entre as linguas hexemónicas e as minorizadas no ámbito tecnolóxico. Aplicacións populares como Duolingo, Babbel ou Memrise non inclúen o galego nos seus programas, a pesar de contar con outras linguas con menor número de falantes. Polo tanto, non responde unicamente a criterios demográficos, senón tamén a cuestións de mercado, investimento e visibilidade internacional.
Ademais, o desenvolvemento destas aplicacións require gran implicación por parte de institucións especializadas e recursos económicos que non sempre están dispoñibles. Aínda así, nos últimos anos producíronse avances grazas iniciativas públicas e comunidades de desenvolvedores que apostan polo software libre e pola normalización lingüística no ámbito dixital.