Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

A Baña e Negreira abren unha bolsa de emprego para técnico/a de normalización lingüística ata finais de 2026

Os concellos da Baña e Negreira contarán cunha nova bolsa de contratación de técnico/a de normalización lingüística tras a publicación, no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP) do pasado 13 de abril de 2026, da convocatoria impulsada polo Concello da Baña para seleccionar persoal laboral temporal destinado a desenvolver funcións de promoción e planificación lingüística nos dous municipios.

A iniciativa enmárcase nas axudas da Deputación da Coruña para o mantemento, creación e reforzo dos Servizos de Normalización Lingüística (SNL), que financian esta contratación ata o remate do presente exercicio. Segundo recollen as bases, a bolsa de emprego terá vixencia ata o 31 de decembro de 2026, prazo vinculado á cobertura económica da subvención provincial.

A praza corresponde ao grupo I de persoal laboral temporal e está dirixida a persoas con formación específica no ámbito filolóxico galego. Poderán presentarse quen conte con grao en Lingua Galega, licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica na subsección galego-portuguesa.

O sistema escollido para a selección será o de concurso-oposición, cun máximo de 100 puntos entre ambas fases. A fase de concurso, que se realizará previamente, poderá sumar ata 40 puntos, distribuídos entre méritos de formación (máximo 15 puntos) e experiencia profesional (ata 25 puntos).

No relativo á oposición, esta constará de dous exercicios obrigatorios, cun valor total de 60 puntos. O primeiro consistirá nun cuestionario tipo test de 60 preguntas máis cinco de reserva, relacionadas co temario oficial incluído nas bases, cun tempo máximo de 60 minutos e unha puntuación máxima de 45 puntos. Para superalo será necesario obter polo menos 22,5 puntos. O segundo exercicio será un caso práctico vinculado ás materias do programa, que deberá resolverse de forma breve e concisa nun máximo dunha hora e que se valorará con ata 15 puntos.

As solicitudes deberán presentarse segundo o modelo oficial incluído no anexo II da convocatoria e dirixiranse á Alcaldía do Concello da Baña. O prazo establecido é de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte á publicación no BOP, polo que as persoas interesadas deberán formalizar a súa candidatura dentro dese período administrativo.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.