Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Quiroga súmase ao proxecto Modo galego, actívao! para analizar o uso da lingua entre a mocidade

O concello de Quiroga vén de formalizar a súa incorporación ao proxecto Modo galego, actívao!, unha iniciativa da Real Academia Galega (RAG) orientada a analizar e promover o uso da lingua galega entre a infancia e a mocidade. O acordo foi rubricado polo presidente da institución, Henrique Monteagudo, o alcalde do municipio, José Luis Rivera Castro, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García.

No acto tamén participaron a académica María López-Sández, así como representantes do goberno local, entre eles o concelleiro de Dinamización Lingüística, Xosé Manuel Fernández, e a concelleira de Educación, María Teresa Pérez Grao.

O proxecto permitirá elaborar un mapa sociolingüístico escolar a partir de enquisas dirixidas ao alumnado, ás súas familias e ao profesorado. Esta ferramenta busca ofrecer unha radiografía detallada dos usos do galego no ámbito educativo e servir de base para o deseño de políticas de normalización lingüística adaptadas á realidade local.

Desde a RAG, Henrique Monteagudo puxo en valor a implicación dun concello de pequeno tamaño nunha iniciativa deste tipo e destacou que o proxecto permitirá obter información relevante sobre a situación do idioma máis alá do propio municipio. Segundo indicou, “os bos resultados que deu a experiencia piloto do proxecto de investigación e acción Modo galego, actívao!, froito da colaboración do noso Seminario de Sociolingüística e do Concello de Ames, permitiunos pasar a traballar no seu espallamento por Galicia”.

O alcalde de Quiroga subliñou pola súa banda a importancia de actuar sobre os sectores máis novos da poboación. “Estamos nunha situación do uso do galego decrecente, así que é prioritario coidar a transmisión do idioma nestes sectores da poboación estratéxicos”, advertiu José Luis Rivera, quen lembrou que o municipio conta con arredor de 300 estudantes entre infantil, primaria, ESO e bacharelato nos seus centros públicos.

Na mesma liña, Valentín García incidiu na necesidade de coñecer de primeira man as tendencias de uso da lingua en diferentes contextos. “É moi importante, máis alá dos grandes estudos e estatísticas, coñecer de preto as tendencias de uso do galego en todo tipo de contornas, tamén nas rurais”, sinalou.

Expansión do mapa sociolingüístico

A incorporación de Quiroga ao programa responde tamén á vontade de ampliar o alcance territorial da investigación. María López-Sández destacou que esta nova fase permite abrir o foco cara á Galicia oriental, fóra do eixo atlántico onde adoitan concentrarse moitas iniciativas. Segundo explicou, isto facilitará contar cunha visión máis completa das distintas realidades sociolingüísticas do país e incrementar o campo de estudo.

Desde o goberno local, o concelleiro de Dinamización Lingüística advertiu da caída de galegofalantes entre a poboación máis nova, especialmente na franxa de entre 5 e 14 anos, e valorou o proxecto como unha ferramenta “útil e necesaria” para reverter esta tendencia. Pola súa banda, a concelleira de Educación destacou que o programa contribuirá a reforzar a conciencia lingüística do alumnado e das súas familias, lembrando que “falar galego é a nosa esencia”.

A iniciativa ten como precedente o primeiro mapa sociolingüístico escolar de Galicia, publicado pola RAG en 2021 en colaboración co Concello de Ames. Desde entón, o proxecto foi ampliando o seu alcance e, ademais de Quiroga, a institución asinou acordos recentes con outros concellos como Pontevedra, Carballo e Rois, mentres continúa o desenvolvemento do mapa correspondente a Santiago de Compostela.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.