Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Uxía e MAR lideran aRi[t]mar 2025 co apoio de máis de 5.000 votacións

A gala aRi[t]mar da música e a poesía galego-portuguesas deu a coñecer as cancións gañadoras da súa edición correspondente a 2025, tras un proceso de votación aberto ao público no que participaron máis de 5.000 persoas. O resultado sitúa a ‘Será por flores’, de Uxía, como Mellor Música do Ano na Galiza, mentres que ‘MENINA’, de MAR en colaboración con Carolina Deslandes, foi escollida como Melhor Música de 2025 en Portugal.

Segundo destacou a organización, o certame mantén o seu carácter participativo, baseado na implicación directa da audiencia para recoñecer a produción musical contemporánea nos dous territorios. As artistas premiadas recollerán os seus galardóns na gala aRi[t]mar 2026, prevista para este outono en Santiago de Compostela.

No caso galego, ‘Será por flores’ foi a proposta máis valorada polo público. A canción insírese nun rexistro próximo á canción de autor, cunha instrumentación sinxela e cun protagonismo destacado da voz. A peza conecta coa traxectoria de Uxía, marcada por máis de catro décadas de actividade e pola súa relación coa música tradicional galega, así como pola incorporación de influencias internacionais, especialmente procedentes da lusofonía.

Pola súa banda, en Portugal, ‘MENINA’ consolidouse como unha das composicións máis salientables do primeiro álbum de MAR. O tema combina elementos de electrónica, pop e R&B contemporáneo, e constrúe un relato en primeira persoa no que se aborda a violencia machista e vicaria. A colaboración con Carolina Deslandes reforza unha proposta que aposta pola mestura de estilos e pola exploración sonora.

Ademais das cancións gañadoras, a votación permitiu configurar un podio con outras propostas destacadas. Na Galiza, o segundo posto foi para ‘Todos contra min’, de Ulex, e o terceiro para ‘Perdín a memoria’, de MJ Pérez. En Portugal, completaron a clasificación ‘Brinde (16h00)’, de Carolina Deslandes, e ‘Respirar’, de Calema xunto a Sara Correia.

A través desta nova edición, a gala aRi[t]mar continúa a súa liña de visibilización da creación musical en galego e portugués, ao tempo que reforza os vínculos culturais entre ambos contextos e ofrece un espazo de recoñecemento ás propostas máis valoradas polo público.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.