O festival Carballo Interplay reforza na súa 13ª edición unha programación centrada na relación entre lingua, cultura dixital e pensamento crítico, cunha xornada específica dirixida á mocidade que terá lugar o vindeiro 16 de abril no Mercado de Carballo. A iniciativa reunirá a máis de 350 estudantes de distintos municipios galegos arredor de dúas propostas que abordan o uso do galego nas redes sociais e o papel do activismo en liña.
A primeira actividade, titulada ‘Sobrevivir en galego nas redes sociais’, contará coa participación das creadoras Prado Rúa e Konachadas, que compartirán a súa experiencia na creación de contido en galego nun ecosistema dixital dominado por linguas maioritarias. Durante a sesión analizaranse cuestións como o funcionamento dos algoritmos, a fragmentación das audiencias ou as dificultades derivadas do rexeitamento lingüístico, así como as oportunidades que ofrecen as plataformas para ampliar a visibilidade da lingua.
Ambos proxectos parten de enfoques distintos mais coinciden na aposta polo galego como ferramenta comunicativa competitiva. Prado Rúa constrúe a súa comunidade desde o humor e a divulgación cultural, mentres que Konachadas, iniciativa impulsada por Nuria Grandío, chega avalada polo recoñecemento do premio Youtubeiras+ en 2025.
O contexto no que se insire esta actividade está marcado polos datos do Instituto Galego de Estatística, que sinalan que só o 16,2% da poboación de entre 5 e 14 anos emprega habitualmente o galego, un indicador da perda progresiva de transmisión xeracional. Neste escenario, a presenza da lingua nas plataformas dixitais aparece como un dos ámbitos clave para a súa proxección futura.
A segunda parte da xornada, baixo o título ‘Radicalmente online – Activismo en redes sociais’, estará conducida por Marina G. Canedo e centrará o foco na análise crítica dos contidos que circulan nas redes. A proposta pretende ofrecer ferramentas para identificar a diferenza entre iniciativas que buscan un impacto real e aquelas que responden a dinámicas de visibilidade ou interacción, abordando conceptos como o ‘greenwashing’ ou o activismo performativo.
Segundo a organización, o obxectivo é fomentar unha mirada crítica entre as novas xeracións, que non só consumen contido senón que tamén participan na súa creación e difusión. A sesión pretende, neste sentido, afondar na responsabilidade asociada ao uso das plataformas dixitais.
O Carballo Interplay, que se celebrará entre o 16 e o 19 de abril, consolida así unha liña de programación que combina entretemento e reflexión. Ademais das actividades formativas, o festival inclúe propostas como o directo de ‘Pop y Muerte’ con Kiko Amat e Benja Villegas, o formato ‘Rajando con…’ con Samantha Hudson e María Barrier, ou a gravación en vivo de ‘Sexo en Nueva York Podcast’, así como unha conversa centrada na serie ‘Twin Peaks’.