Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

O Correlingua 2026 arrinca en Santiago cun chamamento a “correr polo galego” entre a mocidade

O Correlingua 2026 dará comezo o próximo 5 de maio en Santiago de Compostela, cunha nova edición que levará por lema ‘Co Galego no Corazón, Facemos Revolución’ e que pon o foco na sensibilización da infancia e da mocidade arredor do valor e uso da lingua galega.

A presentación da actividade tivo lugar este martes nunha rolda de prensa na que participaron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, a secretaria xeral de CIG-Ensino, Laura Arroxo, e o coordinador da iniciativa, Xacobe Rodríguez.

Durante a súa intervención, Sanmartín destacou o papel transformador do uso da lingua, asegurando que “non hai nada que poida ser nestes momentos tan transformador, tan radical, tan revolucionario como decidir usar a nosa lingua”. A rexedora subliñou tamén que esta decisión permite “afianzar a nosa forma de comunicar de xeración en xeración”.

A alcaldesa indicou que, aínda que Santiago presenta “bos datos” de uso do galego en termos xerais, existe preocupación pola situación entre a xente nova, xa que os indicadores empeoran conforme descende a idade. Neste contexto, cualificou como “moi relevante” a organización de actividades dirixidas á mocidade, á que definiu como “o futuro da lingua”, e animou á cidadanía a participar na carreira, que terá a Alameda como punto de saída.

Pola súa banda, Laura Arroxo advertiu de que a situación do galego é “crítica” e considerou “tremendamente necesario” que os máis novos “vexan a necesidade de facer esa revolución”. Segundo explicou, o Correlingua busca sensibilizar sobre o patrimonio lingüístico, normalizar o seu uso e reforzar a identidade colectiva, aspectos que definiu como fundamentais “como país e como pobo”.

O coordinador do proxecto, Xacobe Rodríguez, puxo en valor a dimensión da iniciativa, que cualificou como “a maior actividade de normalización lingüística” de Galicia, cunha participación que rolda as 20.000 persoas. Segundo sinalou, non existe outra proposta, nin pública nin privada, que alcance ese nivel de implicación.

A programación inclúe a celebración de 12 carreiras en diferentes localidades galegas, nas que se realizará a lectura dun manifesto cooperativo elaborado por 320 alumnos de 13 centros educativos a través dos talleres Desata a lingua, impartidos polas escritoras María Lado, Lucía Aldao e Antía Yáñez.

Ademais, o Correlingua desenvolve actividades ao longo de todo o ano, como o concurso de lemas, no que nesta edición participaron máis de 1.800 estudantes de 56 centros. O lema gañador foi elaborado polo alumnado de 1º de FP Básica de panadaría e pastelaría de Vilamarín (Ourense). Tamén se impulsa a proposta ‘Regueifando’, que promove a creación dunha regueifa colectiva entre distintos centros educativos.

Calendario das carreiras

Tras a cita inicial en Santiago, o Correlingua continuará o seu percorrido por Galicia cun calendario que inclúe paradas en A Coruña (6 de maio), Moaña (7), Lalín (8), A Estrada (12), Monforte (13), Narón (19), Ourense (20), A Maroña (20), Pontevedra (21), Vigo (22) e Lugo (27 de maio).

Con este itinerario, a organización busca expandir a iniciativa por todo o territorio galego, reforzando o seu carácter participativo e o seu obxectivo de promover o uso do galego entre as novas xeracións.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.