O secretario xeral da Lingua, Valentín García, puxo en valor o papel do festival Alguén que respira! como escaparate da creación poética en galego e como unha iniciativa que contribúe ao prestixio da lingua a través da literatura. Fíxoo durante a presentación da nova edición do certame no Pazo de Raxoi, onde destacou a relevancia dunha programación que, segundo indicou, serve para visibilizar tanto o talento dos creadores e creadoras como a capacidade expresiva do galego no ámbito poético.
García sinalou que o festival supón unha mostra da “contribución ao prestixio e á produción poética en lingua galega” e incidiu en que esta cita “reflicte a alta calidade dos autores e autoras que apostan polo galego como ferramenta da súa creatividade”. Na mesma liña, tamén subliñou a consolidación de Santiago de Compostela como escenario deste encontro, ao considerar que en cada edición o festival consegue situar a cidade como “epicentro e punto de encontro poético”.
A nova edición de Alguén que respira! desenvolverase en Santiago de Compostela entre os días 18 e 21 de marzo, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Poesía. Ao longo desas xornadas, o Teatro Principal será o espazo central dunha programación diversa na que terán cabida recitais, faladoiros, concertos, cinema e propostas performáticas. En total, participarán máis de 40 poetas, músicos e creadores, nun cartel que combina nomes consolidados coa presenza de voces de distintas procedencias e disciplinas.
A encargada de abrir o programa será a Premio Nacional Olga Novo, unha das autoras máis recoñecidas da poesía galega contemporánea. A súa presenza marca o inicio dun festival que busca ofrecer unha panorámica ampla da creación arredor da palabra poética, tanto desde fórmulas máis vinculadas ao recital como desde outras propostas que exploran a hibridación con linguaxes escénicas e musicais.
O cartel inclúe tamén a participación de autores internacionais, entre eles o poeta irlandés Simon Ó Faoláin, ao tempo que incorpora algunhas das voces máis coñecidas da poesía performática galega. Entre as persoas participantes figuran Estevo Creus, Nuria Vil, Samuel Merino, Isaac Xubín, Silvia Penas, Lucía Aldao, Nieves Neria e María Grandío, nunha programación que aposta por distintos rexistros e xeitos de entender a poesía, desde a oralidade escénica ata a palabra escrita e recitada.
Outra das liñas destacadas desta edición será a relación entre música e poesía, cunha serie de propostas que combinarán ambos ámbitos da man de artistas como Guadi Galego, Faia, Woyza e Nuno Pico. O festival reforza así unha concepción aberta da creación poética, entendida non só como lectura ou recital, senón tamén como un territorio de encontro con outras expresións artísticas.
Xunto á programación dirixida ao público xeral, o certame reservará un espazo central para o fomento da creación entre a xente nova. Un dos actos destacados será Letras novas, o recital protagonizado polo estudantado premiado nos galardóns Respira!, unha iniciativa que busca dar visibilidade a novas voces e recoñecer a escrita poética nas distintas etapas educativas.
Nesta edición, na categoría universitaria foi premiado Mario Blanco Boullosa polo poema ‘Onte fomos nenos e xa non’. No apartado de Bacharelato e ciclos formativos de 1º grao, o recoñecemento recaeu en Mencía Rodríguez Lorenzo por ‘Non me lembro de nada‘. Na categoría de Secundaria, a premiada foi Lucía Gaute Fernández co poema ‘A memoria‘. Finalmente, no nivel de Primaria, o galardón foi para Carmen Fernández Castillo polo poema ‘Sitch‘.