Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

A UDC mantén o galego como lingua administrativa preferente, pero na docencia apenas supera o 10%

A Universidade da Coruña (UDC) recoñece nos seus estatutos o galego como lingua de uso preferente na administración. Así o lembra Xesús Mosquera, responsable do Servizo de Normalización Lingüística, quen distingue con claridade entre os distintos ámbitos da vida universitaria: a administración, a docencia e a investigación, así como os tres grandes sectores da comunidade universitaria —alumnado, persoal técnico de xestión e administración (PTXAS) e persoal docente e investigador (PDI)—.

No ámbito administrativo, Mosquera sinala que o galego é a lingua habitual tanto na normativa interna como na comunicación institucional e nas redes sociais. “A nivel administrativo posúe a súa lingua de uso preferente”, explica, subliñando que esta preferencia está recollida formalmente nos estatutos universitarios.

Segundo os datos de matrícula que manexa a universidade, correspondentes ao curso 2014-2015, o 71% do alumnado matriculado procede da provincia da Coruña. Esta realidade demográfica, segundo Mosquera, condiciona en boa medida os usos lingüísticos.

A procedencia do estudantado inclúe tanto áreas urbanas como zonas do interior e da Costa da Morte, onde os usos do galego seguen a ser significativos. O obxectivo, indica, é que o alumnado que chega con práctica galegofalante “non abandone” ese uso e perciba a universidade como “un espazo amable” para manter a súa decisión lingüística.

Ao mesmo tempo, apunta que a etapa universitaria pode ser un momento de mudanza persoal —cambios de residencia, novas amizades— no que tamén se poden producir cambios lingüísticos. “Entre eses cambios tamén poida estar o cambio lingüístico”, sinala, tanto de maneira gradual como máis decidida.

En relación coa docencia, os datos dispoñibles son limitados e non están actualizados de forma sistemática. O último estudo amplo foi coordinado pola profesora Ana de Sousa no ano 2005, e situaba arredor do 10% a docencia en galego.

Posteriormente, no curso 2013-2014, o Servizo de Normalización Lingüística realizou unha cata baseada nas guías docentes e na lingua declarada polo profesorado. O resultado foi que aproximadamente un 10% do PDI declaraba impartir a docencia en galego, mentres que un 23% afirmaba facelo en ambas linguas oficiais.

Mosquera advirte de que estes datos deben interpretarse con cautela, xa que a categoría de “docencia nas dúas linguas” pode responder a situacións diversas: desde materiais en castelán e interacción oral en galego ata respostas puntuais ao idioma empregado polo alumnado.

Preguntado polas posibles diferenzas entre os campus da Coruña e Ferrol, Mosquera indica que non dispón de datos desagregados, pero apunta que o campus de Ferrol conta cun catálogo de titulacións máis técnico e con forte presenza de enxeñarías, o que pode influír nos usos lingüísticos.

Tamén recoñece que persiste un “lugar común” segundo o cal determinadas linguas se asocian a ámbitos de maior prestixio científico-técnico, mentres outras se vinculan máis ás ciencias sociais e humanidades. Esta percepción, indica, pode ter efectos nos comportamentos lingüísticos.

Internacionalización e avance do inglés

Outro dos factores que inciden na situación do galego é o proceso de internacionalización. Mosquera considera que faltou “cautela” cando se impulsaron políticas de internacionalización que, ao seu xuízo, se orientaron directamente cara ao inglés.

Na UDC existen graos multilingües e itinerarios en lingua inglesa. Nalgúns casos, explica, profesorado que previamente empregaba o galego pasou a impartir docencia en inglés. “Se xa había pouco galego, o inglés o que fixo foi desprazalo”, afirma.

Aínda así, lembra que o peso do alumnado internacional é reducido fronte ao volume de estudantes locais. Por iso considera que a internacionalización “nunca debería ser unha causa utilizada como pretexto para non implementar medidas de normalización lingüística”.

Tamén expresa dúbidas sobre a extensión de materias non lingüísticas impartidas en inglés, alertando de posibles efectos na transmisión de contidos, en liña co debate existente no ensino secundario.

Para Mosquera, o profesorado desempeña un papel central na configuración da lingua ambiental das aulas. “A lingua que emprega o profesorado vai determinar a lingua en que o alumnado fará os seus traballos, os seus exames e as súas intervencións”, sostén.

Entre as posibles medidas para incrementar o uso do galego, menciona a distribución da carga lectiva nos departamentos, a planificación en materias con matrícula masiva ou a identificación de titulacións estratéxicas —como as do ámbito sanitario— nas que reforzar a presenza da lingua galega pola súa proxección profesional.

Non obstante, subliña que calquera avance require planificación e recursos.

Mosquera lembra tamén unha iniciativa conxunta das tres universidades galegas a través da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística que, no curso 2019-2020, buscaba elevar a porcentaxe de docencia en galego ata o 60-70% en determinadas titulacións. No caso da UDC aplicouse no grao de Educación Social.

Segundo explica, o proxecto incrementou de maneira notable o uso do galego, pero quedou interrompido coa chegada da pandemia da covid-19.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.