Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

A Xunta ofertará 1.750 novas prazas para preparar o Celga en 2026

A Xunta de Galicia porá en marcha este ano unha nova convocatoria de cursos preparatorios para a certificación do Celga, cun total de 1.750 prazas distribuídas en 50 accións formativas. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, durante a súa intervención no Parlamento de Galicia, en resposta a unha interpelación parlamentaria.

Segundo explicou, a oferta estrutúrase en 14 cursos presenciais e 36 en liña, co obxectivo de facilitar que “cada vez máis persoas, desde calquera lugar do mundo, poidan aprender e certificar as súas competencias na lingua acudindo posteriormente ás probas”. A convocatoria publícase no Diario Oficial de Galicia e poderá solicitarse a partir de mañá a través do Portal da Lingua.

Os cursos están dirixidos a persoas maiores de 16 anos que desexen mellorar o seu dominio do galego e preparar as probas convocadas periodicamente pola Secretaría Xeral da Lingua para acreditar os niveis Celga 2, 3 e 4.

Durante a súa intervención, López Campos incidiu na necesidade de “brindar á cidadanía oportunidades para estudar, examinarse e aprender o noso idioma”. En particular, referiuse ás persoas non nacidas en Galicia, “ás que debemos achegar a nosa cultura e a nosa lingua co fin de impulsar e prestixiar o uso do noso idioma en distintos ámbitos e contextos da sociedade”.

Ademais da formación preparatoria para o Celga, o Goberno galego mantén unidades específicas destinadas a persoas procedentes doutros territorios, nun contexto marcado polo incremento da poboación chegada de fóra da comunidade. Segundo detallou o conselleiro, o pasado ano participaron nesta iniciativa 1.500 alumnos e alumnas de ata 34 nacionalidades.

“A través desta medida, unha das primeiras postas en marcha ao abeiro do Pacto pola Lingua, estudaron o idioma galego persoas de lugares como Colombia, Perú, Cuba, Marrocos, Brasil, Arxentina ou a República Dominicana”, sinalou.

O responsable autonómico tamén informou de accións formativas orientadas a dinamizar o uso do galego en diferentes sectores profesionais. Entre eles, mencionou o ámbito da sanidade, da xustiza e da administración, onde se desenvolveron propostas específicas para fomentar o emprego da lingua propia.

A estas iniciativas sumáronse outras centradas no eido tecnolóxico, co impulso do galego en videoxogos, aplicacións educativas e na creación de contidos en diversas plataformas dixitais.

Con esta nova convocatoria, a Xunta amplía a oferta de formación vinculada á certificación oficial do galego, nun contexto no que o Celga continúa a ser o sistema de referencia para a acreditación das competencias lingüísticas na comunidade autónoma.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.