Ana Victoria chegou por primeira vez a Galicia en 2023 para cursar un máster en Santiago de Compostela. Tras concluílo, regresou ao Perú, mais a súa vida quedou xa vencellada a esta terra: alí coñecera a súa actual parella, galego, que posteriormente conviviu case un ano con ela e coas súas dúas fillas no seu país de orixe. Finalmente, a familia decidiu establecer de novo o seu fogar en Galicia, onde ela reside dende hai dous meses.
Segundo explica, a decisión estivo guiada polo “respecto”, o “agradecemento” e o afecto cara á súa parella e cara á familia galega que a acolleu. “Eu non quero vivir en Galicia como se estivese de paso, eu quero formar parte de verdade”, afirma. Nesa integración, subliña, o galego desempeña un papel esencial: “Entendo que o galego é parte da cultura desta terra, é patrimonio vivo, por iso considero que falalo é un xeito de amosar ese amor por esta terra”.
No seu día a día, Ana Victoria observa unha lingua “viva, forte cultural e emotivamente”, aínda que, ao seu xuízo, con menor presenza entre a xente nova. Considera que o ensino non é suficiente por si só para garantir a transmisión lingüística: “Creo que non chega con que o galego sexa unha materia máis, hai que vivilo, hai que crear espazos onde se poida falar con orgullo, con ledicia, con máis naturalidade”. Para ela, a supervivencia dunha lingua depende dos usos sociais: “Unha lingua non sobrevive nos libros; sobrevive nas casas, nas rúas, na música, na tele…”.
O proceso de aprendizaxe non está exento de dificultades. Ana Victoria recoñece que ás veces sente pudor ao cometer erros, mais destaca a importancia de falar sen medo: “Non é doado, eu sigo aprendendo, dá vergoña equivocarse, pero creo que máis vergoña dá calar”. Cando outras persoas lle responden en galego, asegura, a experiencia muda: “É como unha porta que se abre, síntome máis acollida cando alguén me fala en galego tamén”.
A súa relación co galego tamén se nutre da súa propia historia persoal. No Perú, medrou escoitando o quechua da súa avoa, unha das linguas oficiais do país. “Comprendín dende cativa que a lingua non é só un xeito de comunicarse, senón identidade, unha maneira de ver o mundo”. Por iso, afirma, valora especialmente o esforzo existente en Galicia para fomentar o uso da lingua, un contexto sociolingüístico moi distinto ao que coñece do seu país: “É triste, porque alí o quechua pouco a pouco vai perdendo forza”.
Na súa aprendizaxe emprega ferramentas como o Portal da Lingua Galega e os cursos do Celga, ademais de seguir contidos nas redes sociais, ler libros e escoitar música en galego. Un dos grupos que menciona é Tanxugueiras, referentes actuais da música en galego.
De cara a outras persoas que están a iniciar o mesmo camiño, Ana Victoria transmite unha mensaxe clara: “Que se animen, sen medo, non hai que falar perfecto para empezar. Aprender galego é un xeito de amar esta terra tamén”.