Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

O galego, de lingua perseguida ao amparo baixo a lei: balance no 50 aniversario da morte de Franco

Cando Francisco Franco proclamou en 1938 que na nova España totalitaria se imporía “una unidad nacional, que la queremos absoluta, con una sola lengua, el castellano, y una sola personalidad, la española”, formulaba en voz alta o núcleo da política lingüística que marcaría décadas. A consigna “Hablar como Franco”, difundida en editoriais como o de La Vanguardia tras a caída de Cataluña, sintetizaba esa orientación: exclusión das linguas propias das chamadas “nacións periféricas” da vida pública e control estrito sobre o seu cultivo.

Medio século despois da morte do ditador, o 20 de novembro de 1975, o galego transita noutro marco xurídico e institucional: é lingua propia de Galicia, cooficial xunto co castelán, e centro dunha política de normalización que se desenvolve desde comezos dos anos oitenta. Mais, como advirte o académico Henrique Monteagudo, “a situación e evolución sociolingüísticas do galego a partir de 1975 non poden ser entendidas sen facer referencia á pesada herdanza recibida” da ditadura, que cualifica de traballo “lingüicida”.

A represión franquista: prohibicións de facto e resistencia cultural

Na práctica, o franquismo non precisou dunha gran lei xeral que mencionase expresamente o galego para marxinalo. Segundo indica Monteagudo, a política do réxime, inspirada nun “nacionalismo español excluínte e brutalmente autoritario”, significou a imposición do español como única lingua oficial do Estado e do sistema educativo, a expulsión das outras linguas da vida pública e un control estrito sobre o seu uso cultural.

As medidas descritas inclúen a prohibición do galego en marcas, nomes comerciais, rótulos de bares ou tendas e nas proxeccións cinematográficas, así como a imposibilidade de escoller o idioma propio para inscribir nomes ou redactar documentos oficiais. Os medios de comunicación, agás contadas excepcións, excluírono por completo.

Nese contexto, calquera uso público da lingua tiña un forte componente de desafío. O 11 de novembro de 1949, o escritor Ramón Otero Pedrayo pronunciou o que se considera o primeiro discurso público en galego nun espazo aberto tras a guerra civil, durante a inauguración dun monumento a Valentín Lamas Carvajal no xardín do Posío, en Ourense. Pola mañá falara en castelán nun acto oficial en nome da Real Academia Galega, mais pola tarde, “na que só se representaba a si mesmo”, decidiu empregar o galego, diante do gobernador, da corporación municipal e doutras autoridades falanxistas.

Nunha carta posterior ao presidente da Academia, Otero Pedrayo describiu así a reacción oficial: “A la tarde hablé en gallego (…) El Gobernador y el ayuntamiento falangista tascaban el freno. Era de perro de presa con carranca la cara del pretor”. Para “resarcirse”, ao final da homenaxe, as autoridades fixeron cantar o ‘Cara al sol’ e lanzar consignas, nun intento de reafirmar o marco ideolóxico do réxime fronte á irrupción pública da lingua galega.

Segundo recolle Monteagudo, dende ese momento as autoridades vixiarían con especial atención a actividade oratoria do autor ourensán, ao que se lle impediría falar en galego en actos posteriores, como as homenaxes a Curros Enríquez ou varios ingresos na propia Real Academia Galega, con ordes directas dos gobernadores provinciais para que os discursos se lesen en castelán. Algúns destes agravios chegaron a ser denunciados ante a Unesco na Asemblea Xeral de 1954 en Montevideo, nunha acción articulada coa complicidade do exilio antifranquista.

Ao mesmo tempo, o galeguismo optaba por concentrar esforzos na acción cultural: en 1950 nacía a Editorial Galaxia, orientada a construír un sistema cultural autónomo co idioma como eixo; na mesma liña sitúanse a reapertura de cátedras universitarias, os primeiros dicionarios, a consolidación da Real Academia Galega na posguerra ou a emerxencia de novas xeracións literarias e musicais, que irían gañando visibilidade nos anos sesenta.

Da transición á Lei de Normalización: o galego entra na lei

A morte de Franco abre un cambio de ciclo. A Constitución de 1978 e o Estatuto de Autonomía de 1980 supoñen, segundo Monteagudo, “unha notable mutación do marco político-lingüístico”. Galicia dótase dun Parlamento e dunha Xunta con competencias amplas en educación e cultura, e o Estatuto consagra a cooficialidade do galego e do castelán, proclamando o primeiro como “lingua propia de Galicia”, en termos semellantes aos doutros estatutos de nacionalidades históricas.

Este novo marco concrétase na Lei de Normalización Lingüística (LNL) de 1983, aprobada por unanimidade das forzas con representación no Parlamento galego nese momento. A lei obriga “mediante mandato imperativo” ao Goberno autonómico e ás demais institucións de Galicia a promover o uso oficial e público do idioma galego.

Entre os principios básicos que recolle, salientan o recoñecemento do galego como lingua propia de Galicia e o dereito de todos os galegos a coñecela e usala, o dereito a empregar o galego, oralmente e por escrito, nas relacións coa Administración Pública autonómica, e o compromiso dos poderes públicos de promover o seu uso normal, a consideración do galego como materia de estudo obrigatoria en todos os niveis educativos non universitarios, e o mandato de promover o seu uso progresivo no ensino, a previsión de que o galego sexa lingua usual nas emisoras de radio e televisión e noutros medios sometidos á xestión ou competencia da comunidade autónoma, e o apoio aos medios privados que o empreguen de forma habitual, a obriga de que os topónimos de Galicia teñan como única forma oficial a galega, con concordancia na rotulación pública.

A propia LNL atribúe á Xunta a dirección técnica e o seguimento do proceso de normalización, así como a elaboración dun plan para salientar a importancia da lingua como patrimonio histórico e a responsabilidade colectiva na súa conservación. En cumprimento destes artigos créase en 1983 a Dirección Xeral de Política Lingüística (DXPL) no seo da Consellería de Educación, organismo encargado de aplicar a lei. Máis tarde constituirase unha Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística, de vida breve. O plan xeral de promoción do uso do galego que a lei suxire non chegará, porén, a concretarse.

Ensino, administración e medios: os eixos da política lingüística (1980-2000)

O período 1980-2000 está analizado ao detalle no estudo “O proceso de normalización do idioma galego (1980-2000)”, coordinado por Henrique Monteagudo e Xan M. Bouzada para o Consello da Cultura Galega. O volume identifica dous grandes momentos de impulso das políticas lingüísticas e unha serie de ámbitos estratéxicos de actuación.

Na primeira metade dos anos oitenta, nun momento cualificado como “constituínte”, prodúcense fitos como a aprobación das leis de normalización por unanimidade, a creación das radios e televisións públicas autonómicas, con expresión na lingua propia, o establecemento dos usos lingüísticos públicos da Administración autonómica, cun modelo preferentemente monolingüe na lingua propia no caso galego, a definición do marco normativo sobre os usos lingüísticos no ensino non universitario, que no caso galego se concretará nos anos 1987-1988 e o desenvolvemento de programas de formación de adultos en galego e de axudas á edición e á promoción do idioma en diversos ámbitos, incluíndo os medios privados.

Os investigadores sinalan que os tres grandes eixes de desenvolvemento da política lingüística galega coinciden cos títulos centrais da Lei de Normalización:

  1. O galego como materia e lingua parcialmente vehicular do ensino.

  2. O galego como lingua da Administración autonómica, con apoio á súa incorporación a outras administracións.

  3. O galego como lingua dos medios de comunicación públicos autonómicos —nomeadamente, a CRTVG—.

A estes engádense outras liñas: cursos de formación para traballadores públicos, investigación científica sobre a lingua, campañas de promoción, creación de servizos de normalización lingüística en entidades públicas e privadas, e un sistema de subvencións e axudas á empresa, ao asociacionismo, á edición e aos medios de comunicación. Os efectos pretendidos inclúen garantir o coñecemento das dúas linguas oficiais, evitar que o ensino sexa un factor desgaleguizador, prestixiar o idioma, garantir os dereitos dos administrados e incrementar a oferta de recursos en galego, especialmente no ámbito educativo.

O factor orzamentario e a “débeda histórica”

O estudo de Monteagudo e Bouzada analiza tamén a evolución orzamentaria da política lingüística. Segundo os datos recollidos, 1993 marca un punto de inflexión: é o primeiro exercicio no que se fai efectiva a denominada “débida histórica”, unha reclamación institucional que pretendía que o Goberno central contribuíse á normalización do galego.

A partir dese ano, o orzamento da Dirección Xeral de Política Lingüística sitúase arredor dos 2.800 millóns de pesetas anuais, multiplicando case por catro, en pesetas constantes, a contía de 1992. A débeda histórica calculábase desde 1983, ano da promulgación da LNL, e incluía conceptos como a formación do profesorado, a normalización da Administración local e da Xustiza ou a capacitación doutros funcionarios.

Nos primeiros noventa incrementaranse tamén as partidas para cursos de galego dirixidos a persoal da Administración autonómica, da Administración periférica do Estado, da Xustiza, persoal militar e outros colectivos, así como os fondos para a promoción do galego nos medios de comunicación sociais e para os equipos de normalización lingüística nos centros de ensino.

Unha situación “paradoxal”: máis políticas, máis ameaza

Malia o novo marco institucional e o despregue de recursos, a diagnose sociolingüística que ofrece o volume do Consello da Cultura Galega é cautelosa. A introdución lembra que o galego é unha lingua minorizada que experimentou “unha perda masiva de falantes ó longo de todo o século XX” e, de maneira especial desde mediados da centuria, un abandono da transmisión interxeracional. A depauperación do medio rural e a forte emigración agravaron esa dinámica.

Os datos dispoñibles permiten afirmar que o galego segue a ser a lingua inicial e usual da maioría da poboación, pero esa posición apóiase sobre todo no arraigamento no rural e entre persoas de máis idade, con baixa cualificación educativa-profesional e pertencentes ás clases baixas. Pola contra, no medio urbano, entre adultos altamente cualificados e no conxunto da mocidade, o galego é minoritario.

As conclusións do estudo falan dunha “situación paradoxal”: durante vinte anos de autonomía e Lei de Normalización “asistimos a un proceso social de fondo de substitución lingüística”, no que o galego deixa de ser progresivamente lingua inicial e principal da poboación, ao tempo que se desenvolve un proceso político que intenta conter esa dinámica, regulando e promovendo a lingua nos ámbitos onde a Xunta ten maior ascendencia. “Nunca antes se interviña tan activamente na súa promoción e nunca antes estivera tan ameazada como tal lingua”, sintetizan os autores.

O texto subliña a “non reprodución da lingua galega”: nas últimas tres ou catro décadas obsérvase un descenso sostido do uso social asociado ao feito de que, na transmisión de pais e nais a fillos e fillas, o galego tende a utilizarse menos que o castelán. Esta dinámica sitúase no centro das preocupacións de cara ao futuro.

O marco europeo: a Carta e os retos pendentes

No plano internacional, a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, do Consello de Europa, entrou en vigor en España en 2001 e aplícase ao galego tanto en Galicia como en territorios limítrofes. O resumo executivo do sexto informe de avaliación, publicado tras a visita a España dun comité de expertos en xaneiro de 2024, sinala que o Estado conta cun “sistema avanzado de protección e fomento” destas linguas, sustentado pola Constitución, os Estatutos de Autonomía e diferentes leis sectoriais, como as de educación ou comunicación audiovisual. Desde 2023, ademais, é posible utilizar linguas rexionais ou minoritarias oficiais nas dúas cámaras do Parlamento.

Porén, o mesmo documento subliña que, malia os progresos, persisten desafíos significativos en ámbitos de competencia estatal, como a xustiza, a administración do Estado, a prestación de servizos públicos ou os intercambios transfronteirizos. No plano xudicial, a lexislación vixente ou a súa interpretación non garante que os tribunais poidan tramitar procesos penais, civís ou administrativos en linguas rexionais ou minoritarias oficiais cando o solicite unha das partes, e “é ben sabido” que estas linguas raramente se empregan en ordes, sentenzas ou documentación procesual.

O informe expresa tamén preocupación polas sentenzas recentes sobre os modelos lingüísticos escolares, que fixan porcentaxes mínimas de ensinanza en castelán en determinadas comunidades. Segundo o comité, este tipo de limitacións contravén as obrigas asumidas por España en virtude do artigo 8 da Carta, que se refire á educación. No ámbito administrativo, sublíñase que o coñecemento práctico das linguas rexionais entre o persoal da administración estatal é aínda reducido, o que se traduce en formularios e documentación dispoñibles só en castelán.

En canto aos medios, o informe considera en xeral satisfactoria a oferta de radio e televisión en linguas oficiais nas comunidades autónomas, pero lembra que a súa presenza segue a ser limitada a nivel estatal e que é preciso avanzar en acordos coas plataformas internacionais de streaming para dobrar contidos en todas as linguas rexionais ou minoritarias oficiais. No ámbito económico e social, recoñécense avances, mais o uso destas linguas na sanidade e nos servizos sociais continúa a ser motivo de preocupación, chegando a sinalar que nunca se empregan nos prospectos farmacéuticos.

Da “pesada herdanza” ao debate sobre o futuro

A panorámica que ofrecen as fontes oficiais e académicas, medio século despois da morte de Franco, combina avances normativos e institucionais de grande alcance cunha realidade sociolingüística en tensión. O galego pasou de estar practicamente expulsado da escola, da administración e dos medios a contar cunha lei propia de normalización, unha dirección xeral específica, unha rede de medios públicos, presenza no currículo educativo, recoñecemento na Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias e avaliación periódica por parte de organismos internacionais.

Ao mesmo tempo, a diagnose de Monteagudo e Bouzada sobre o período 1980-2000 e as advertencias máis recentes do Consello de Europa lembran que a normalización legal non implica automaticamente reprodución social da lingua, nin garante por si soa a reversión dun proceso de substitución iniciado moito antes da morte do ditador e reforzado polas dinámicas sociais da segunda metade do século XX.

No 50 aniversario do 20 de novembro de 1975, a frase de Monteagudo mantén vixencia: “A situación e evolución sociolingüísticas do galego a partir de 1975 non poden ser entendidas sen facer referencia á pesada herdanza recibida”. O balance destes cincuenta anos sitúase precisamente nese cruzamento entre herdanza, marco legal e prácticas cotiás, co debate aberto sobre que políticas e que compromisos sociais serán necesarios para asegurar que a lingua que Otero se atreveu a falar en público en 1949 siga viva como lingua inicial e de uso pleno nas próximas décadas.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.