Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

A Xunta reforza a promoción do galego cun millón de euros máis e prevé activar en 2026 o novo Plan xeral de normalización lingüística

A Xunta de Galicia manterá en 2026 a senda de crecemento dos investimentos culturais e lingüísticos cun orzamento global de 150 millóns de euros para a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Así o anunciou o conselleiro José López Campos durante a súa comparecencia na Comisión 3ª do Parlamento de Galicia, onde destacou que o obxectivo é “seguir construíndo unha Galicia que sexa sinónimo de calidade en cultura, lingua e xuventude”.

Segundo explicou, o novo exercicio incluirá un aumento dun millón de euros para accións de dinamización do uso do galego, consolidando a liña iniciada o pasado ano. Estes fondos servirán para poñer en marcha as medidas derivadas da renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega, actualmente en elaboración por once comisións técnicas e que comezará a súa tramitación parlamentaria no primeiro trimestre de 2026.

A Secretaría Xeral da Lingua continuará así entre os departamentos máis reforzados, con actuacións que inclúen os primeiros exames en liña do Celga 4, cursos para persoas estranxeiras e programas de formación en galego dirixidos ao persoal sanitario e xudicial.

No ámbito cultural, López Campos anunciou un plan específico para a Ribeira Sacra, destinado a apoiar a súa candidatura a Patrimonio da Humanidade, e a creación dunha nova figura de itinerarios culturais de interese autonómico. O conselleiro expresou a súa confianza en que este territorio consiga “a máxima distinción da Unesco como xusto recoñecemento ao seu valor cultural excepcional”. As actuacións centraranse na protección, conservación e posta en valor da paisaxe, dentro do Plan de xestión Ribeira Sacra 2024-2025.

Desde a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, prevese tamén impulsar a restauración e rehabilitación de bens singulares e recuperar o patrimonio afectado polos incendios do verán. López Campos avanzou cambios normativos para simplificar trámites e permitir que os concello autoricen determinadas intervencións menores sen necesidade de permiso previo da Consellería.

Outro dos eidos destacados será o do libro e a lectura, cun investimento global de 3 millóns de euros. Deles, 450.000 euros destinaranse á promoción e edición de obras en galego e 1,1 millóns ás accións do Plan de dinamización da lectura galega. O conselleiro anunciou tamén o terceiro Mapa de Bibliotecas Públicas de Galicia, a consolidación da Furgoteca e un novo programa de bolsas para bibliotecas, arquivos e museos.

Ademais, a Consellería impulsará o proxecto ‘Illa de Creación’ na illa de San Simón, cun investimento de medio millón de euros, para fomentar a creación literaria, escénica, audiovisual e das artes visuais. Tamén se inclúen partidas para actuacións nas principais cidades, como 1,5 millóns de euros para as obras do Teatro Cine Fraga de Vigo, 3,16 millóns para o Consorcio da Cidade de Santiago, 3,6 millóns para a Promoción da Música da Coruña e 230.000 euros para o Centro Gonzalo Torrente Ballester de Ferrol.

No ámbito das industrias culturais, o orzamento destinará 6,5 millóns de euros ao sector audiovisual, incluíndo 2 millóns para o fondo de atracción de rodaxes, que se estima xerará un impacto económico de 18 millóns de euros, e 3,5 millóns para producións audiovisuais. O titular de Cultura subliñou que “Galicia está a consolidarse como escenario de rodaxes e referente do talento audiovisual”.

Tamén se prevé unha partida de 120.000 euros para accións derivadas do Plan estratéxico da música, 400.000 euros para novos ciclos de concertos e 670.000 euros para o Centro Dramático Galego, que continuará con producións propias e coproducións internacionais. O Centro Coreográfico Galego desenvolverá os programas do Plan de danza, mentres que se incorporará unha nova liña de axudas de 150.000 euros para o desenvolvemento de videoxogos.

A Cidade da Cultura, recoñecida polo Observatorio da Cultura como unha das “insignias culturais de Galicia”, contará cunha dotación de 15 millóns de euros para a posta en marcha do Centro de Artes Dixitais, a ampliación do programa de residencias e un plan de itinerancias culturais. O complexo do Gaiás, lembrou López Campos, “é un pulmón verde e un motor de creación que alberga máis dun milleiro de traballadores de institucións públicas e científicas”.

No capítulo de xuventude, a Consellería prevé novas medidas para favorecer a emancipación e o emprego xuvenil. Xunto coa Consellería de Vivenda, impulsaranse residencias xuvenís en Vigo e A Coruña e continuará o Bono Emancípate, dotado con 3 millóns de euros, que ofrece axudas de 1.500 a 3.000 euros para gastos de instalación en vivendas. En 2025, este programa beneficiou a máis de 900 mozos e mozas e recibiu 3.700 solicitudes.

Tamén se destinarán 1 millón de euros ao programa Xuventude Mentoring e 800.000 euros ás axudas para o carné de conducir, ademais de 5 millóns para a campaña de verán, orientada a mellorar as experiencias de ocio educativo por todo o territorio galego.

“O noso obxectivo é manter a senda de crecemento durante toda a lexislatura e seguir apoiando os sectores que fan posible unha Galicia máis culta, máis creativa e máis orgullosa da súa lingua”, concluíu o conselleiro.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.