Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Unha libraría de Carballo denuncia comentarios que lle piden deixar de falar en galego nas redes

A libraría Clarión, situada en Carballo, converteuse nas últimas horas en foco de debate nas redes sociais despois de publicar un vídeo no que a súa responsable expón a cantidade de comentarios que recibe pedíndolle que fale en castelán. No reel, difundido a través da conta de Instagram @clarionlibraria, a libreira le en voz alta algunhas das mensaxes máis habituais: “Te enteras de casi todo, pero mejor en castellano, porfa”, “Podrías hablar en castellano, es que en gallego no te entiendo bien” ou “Si todos hablamos castellano, ¿no es más fácil que lo uses?”.

Segundo explica, só nun día chegou a recibir ata sete comentarios deste tipo. “Non vai ser un vídeo para explicarvos por que falo galego, porque xa teño dous vídeos falando diso e creo que son innecesarios. Basicamente resúmese todo en que falo galego porque quero”, afirmou.

A libreira sinala que esta situación revela “un ataque ás persoas que falamos galego”, que ás veces non parte dunha intención explícita de ferir, senón dun hábito paternalista de opinar sobre o que fai outra persoa nas redes sociais. “Hai quen che di que falando galego non vas chegar a ningún sitio, que o falamos catro gatos. Pois mirade, aquí estamos 30.000 persoas nas redes, todos os días, falando de libros e de cultura, e moitas delas nin sequera son galegas”, apuntou.

No vídeo tamén subliña a contradición dalgúns consellos recibidos: “Dinme que fale en castelán porque así chego a máis xente. Pois se falo en inglés chegaría a millóns, ou mesmo en chinés. Grazas polos consellos de marketing, pero non os necesito”.

Clarión Libraría asegura non percibir discriminación directa no seu día a día en Carballo, mais si nas plataformas dixitais, e concretamente en TikTok: “Na miña comarca non sinto discriminación, pero basta ir a certas administracións para ver que a lingua non está ao mesmo nivel que o castelán. En redes, en cambio, é onde aparecen estes comentarios”.

A pesar destas críticas, a libreira destaca que a inmensa maioría das interaccións que recibe son positivas. “O 99,9% dos comentarios que me chegan son positivísimos. Hai xente que me conta que está empezando a ler en galego grazas a min, persoas de fóra de Galicia que mercan libros para coñecer a lingua”, explicou, reivindicando esa “parte boa e fermosa das redes sociais”.

A publicación xerou ademais unha ola de solidariedade entre seguidores e outras persoas usuarias que saíron na súa defensa. Un deles respondía a un comentario crítico: “Se buscas en castelán atoparás centos de vídeos doutra xente. É o seu idioma e non ten por que cambialo”.

A libreira concluíu o vídeo agradecendo o apoio da súa comunidade e ironizando sobre os consellos recibidos: “Moitas grazas polos consellos paternalistas. Xa vos pagarei unha consulta. Mentres tanto, vou almorzar e preparar un vídeo falando de libros, que é o que toca”.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.