Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Vilagarcía impulsa un curso de galego para mellorar a empregabilidade das mulleres

O Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía vén de abrir o prazo de inscrición para un curso de competencias clave en lingua galega, nivel 2, dirixido especificamente a mulleres. A iniciativa ten como obxectivo mellorar a empregabilidade das participantes e facilitar o acceso aos certificados de profesionalidade, ademais de acreditar a formación en galego e reforzar os seus currículos.

As mulleres interesadas poderán inscribirse ata o 4 de setembro, ben de maneira presencial nas oficinas do departamento —situadas na primeira planta da Casa Consistorial—, ou a través da sede electrónica municipal.

A formación desenvolverase entre o 15 de setembro e o 21 de outubro, en horario de mañá, de 09.30 a 14.00 horas, nas instalacións de Kaeme, na Praza de Galicia, número 10. O curso é totalmente gratuíto e contará cun programa estruturado en cinco módulos: comunicación e lingua; principios básicos do uso do galego; producións orais; producións escritas; e técnicas de busca, tratamento e presentación de información.

O programa está organizado polo Concello de Vilagarcía en colaboración coa Deputación de Pontevedra, no marco do Plan +Provincia, e dará prioridade ás mulleres que se atopen en situación de vulnerabilidade.

As persoas interesadas poden obter máis información no Área de Igualdade-CIM, chamando ao 986 099 200, ou ben en Kaeme, no teléfono 986 507 417.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.