Miguel Vieito, avogado no rural que usa o galego: “Ante as barreiras, só queda intentar derrubalas”

Miguel Vieito Villar criouse e “aprendeu a maior parte do que é como persoa e como profesional” –confesa–, no Lugar do Ferradal, na Parroquia de Bértoa, no Concello de Carballo. Na actualidade vive e ten o seu despacho profesional no Lugar da Reboreda de Abaixo, na Parroquia de Francos, no Concello de Outeiro de Rei. Partindo da súa paixón polo dereito, di estar moi orgulloso de medrar e de exercer nun entorno rural, afirmando ademais non entender a súa vida persoal e profesional sen o galego.

Miguel, que está especializado en dereito e saúde, dereito e discriminación e dereito e relacións, non pode dicir que o uso do galego no eido xurídico sexa o habitual, “por desgraza”, como sinala. “Sinto moita mágoa disto e, no que eu podo, contribúo para vencer estereotipos e ideas preconcibidas contra dos profesionais que usamos o galego como lingua vehicular”, declara en Lugo Xornal.

A pesar dos problemas que pode levar o uso do galego no seu eido, non baixa os brazos. “Ante as barreiras, só queda intentar derrubalas“, comenta. Na entrevista confesa que cre nunha avogacía “achegada ás persoas, honesta e útil”. Ademais, comenta que a única forma de vencer os prexuízos contra o uso do galego nos xulgados “é sendo cada vez mellores no noso traballo, e ofrecendo a quen confía en nós valor engadido e accesibilidade”. Máis información en Lugo Xornal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará