Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Como foi a represión que sufriu o galego dende o s.XVI?

A través de O libro negro da lingua galega, Carlos Callón, profesor de Lingua Galega e Literatura e actual docente de Xeografía e Historia en Lisboa, fai un percorrido pola situación da nosa lingua dende o s. XVI. Partindo do ano 1543, o escritor recolle exemplos da represión que sufriu o galego, para poñer de manifesto que non foi un feito exclusivamente da época franquista e para chamar ao coidado e protección da lingua na actualidade.

A obra está dividida en 15 capítulos e o seu obxectivo, como sinalou o propio autor, é “transformar o presente mediante o coñecemento do pasado“. Así o manifestou na presentación do libro, que tivo lugar o pasado 9 de xuño na librería Couceiro, en Santiago de Compostela. En dito acto, Carlos Callón amosou a súa preocupación pola situación actual do galego e chamou á defensa “da lingua que nos une”, apelando directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Na librería compostelá tamén estiveron presentes o director de Edicións Xerais, Fran Alonso, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e a presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Tradución, Iria Taibo.

O libro negro da lingua galega é unha obra que afonda na historia do idioma, ao tempo que desmonta estereotipos como “a non imposición do castelán sobre o galego, a non existencia de políticas lingüísticas contra o idioma, a persecución exclusiva durante o franquismo e o non impulso da lingua debido á baixa demanda da poboación”, como recolle Nós Diario con respecto ás palabras de Fran Alonso durante a presentación.

Pola súa banda, Maceiras criticou a falta na administración pública de documentación en galego e a situación da oferta audiovisual en galego, mentres que Iria Taibo destacou a relevancia da obra de Carlos Callón para todas as persoas preocupadas polo futuro do galego. Máis información en Nós Diario.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.