As bágoas das Tanxugueiras no Benidorm Fest: “Representamos un proxecto diverso que loita polas linguas cooficiais”

Chegou o día das Tanxugueiras. O trío folk feminino, formado por Aida Tarrío e Sabela e Olaia Maneiro, puido por fin mostrar o seu talento ante toda España na primeira semifinal do Benidorm Fest. Saíron á media hora e encheron o escenario do festival coa súa forza e enerxía característica que provocou que fosen as primeiras no voto popular.

“España está preparada para mandar un proxecto inclusivo, diverso e que loita polas linguas cooficiais“, comentou Aída na rolda de prensa tras a actuación que provocou as bágoas de Olaia. O sentimento era palpable. O agarimo que senten do público, a aceptación da súa proposta por parte do público, foi a semente da súa emoción.

Tanxugueiras busca levar “a cultura galega por todo o mundo” e van en bo camiño. As pandeiretas, o baile, a música, todo cheiraba a Galicia na súa actuación que provocou unha gran ovación do público. A mensaxe da canción -que foi composta especificamente para Eurovisión- foi acollido moi ben polos eurofans.

Unha das presentadoras, Inés Hernand, preguntoulles tras as actuacións dos participantes porque elas deberían ir a Eurovisión. Despois das risas polo comentario de Inés sobre o nome Tanxugueiras, “hasta a Feijóo le ha costado”, Olaia explicou a principal razón: non hai fronteiras. “As culturas e os idiomas teñen un fío invisible, non hai fronteiras“, comentou.

Pola súa parte, Aida expresou o seu desexo de “dar voz ante Europa ás mulleres anónimas que deixan este legado porque elas sen saber ler nin escribir facían arte“. Como comentaron na súa introdución, representan un proxecto inclusivo, diverso e de empoderamento, lembrando sempre as súas raíces, a cultura galega.

REACCIÓNS

O apoio do público viuse en redes tras o veredicto do xurado profesional que colocou ás galegas en quinta posición e fóra da final. Foi o voto demoscópica o que puxo a Tanxugueiras na segunda posición e na final do sábado.

As reacción non foron só do público xeral senón tamén de cantantes e exparticipantes de Eurovisión. O portugués Salvador Sobral, ao remate da súa fermosa actuación no Benidorm Fest, mostrou o seu respecto polo trío galego: “Vivan as galegas“, berrou.

O cantautor vigués Iván Ferreiro tamén estivo moi atento á actuación galega mostrando o seu desacordo coa votación do xurado profesional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará