En galego dise Nadal ou Natal?

Cando paseamos polas nosas rúas nestas datas vemos iluminación e carteis coa mesma frase: Bo Nadal! Logo prendemos a televisión ou a radio e, tanto a publicidade como os programas que consumimos, estanos a felicitar as festas desta forma continuamente. Mais saímos á rúa ou abrimos unha rede social e escoitamos a algún dos nosos amigos e coñecidos dicir ‘Natal’, en troques de ‘Nadal’, ou ‘Bon’, en troques de ‘Bo’. Cal é a forma correcta? Ou son as dúas correctas?

A Real Academia Galega (RAG) só recolle no seu dicionario Nadal para representar a estas festes do inverno. Natal, segundo a RAG, é un termo que se define como: “relativo ou pertencente ao nacemento dunha persoa“.

Mais hai xente que di ‘Natal’, dependerá entón do dialecto da zona onde vivamos? Así é, como explica nun chío o Instituto da Lingua Galega a través dun mapa, todas as combinacións con ‘Bo’ ou ‘Bon’ e ‘Nadal’ ou ‘Natal’ son posibles. 

A palabra ‘Bo‘ é típica da Galicia occidental e, practicamente, de todo o sur do país. É en Lugo e na Ourense máis oriental onde os galegos dicimos ‘Bon’. Pola contra, ‘Nadal’ e ‘Natal’ non teñen unha diferenciación occidente/oriente, senón que depende unicamente se es do norte ou do sur, aínda que o termo aceptado pola RAG é o máis estendido. ‘Natal’ úsase en comarcas do Sur de Pontevedra e Ourense, ten todo o sentido porque os nosos veciños portugueses si din ‘Natal’.

Ademais, como explica noutro chío o Instituto, Natal parece ser o termo máis estendido no Galego medieval. No chamado galego-portugués ‘Natal’ predominaba sobre ‘Nadal’, aínda que algún documento tamén usa este termo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará