Yolanda Castaño foi galardoada co Premio Nacional de Poesía, correspondente ao ano 2023, pola súa obra ‘Materia’, a proposta do xurado reunido este 27 de setembro. O premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 30.000 euros. O xurado destacou a súa obra “pola poderosa proposta poética na que cada estado da materia exprésase nun ton propio, con poemas dunha metafísica doente e orixinal, que apunta tanto á vangarda como á orixe cunha extraordinaria forza evocativa e sensorial”.
Así mesmo, o xurado destacou que “en ‘Materia’, Yolanda Castaño móstranos unha poesía metafórica que dialoga coa memoria persoal e colectiva e, á vez, directa, radical e feminista. Explora, de forma non compracente, temas como a maternidade, a familia e os costumes e logra sacar a realidade da súa nebulosa habitual para concretala en materia lingüística, destacando o xogo verbal e rítmico que cuestiona o establecido“.
O xurado estivo presidido pola directora xeral do Libro, do Cómic e da Lectura do Ministerio de Cultura e Deporte María José Gálvez Salvador; mentres que como vicepresidente actuou o subdirector xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, Jesús González González. Como vogais actuaron Ana Romaní Blanco, proposta pola Real Academia Galega; José Manuel López Gaseni, pola Real Academia da Lingua Vasca/Euskaltzaindia; Víctor Obiols Llandric, polo Instituto de Estudos Cataláns/Institut d’Estudis Catalans; e Àngel Vicent Calpe Climent, pola Academia Valenciana da Lingua/Acadèmia Valenciana da Llengua.
Tamén figuran José Francisco Asís Montero Reguera, pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE); Rosa Romojaro Montero, pola Asociación Española de Críticos Literarios; Cristina de Alzaga Fraguas, pola Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE); Alicia Aza Campos, pola Asociación Colexial de Escritores de España (ACE); Rosa María García Rayego, polo Instituto de Investigacións Feministas da Universidade Complutense de Madrid; Ernesto Peréz Zúñiga, polo Ministerio de Cultura e Deporte e Aurora Luque Ortiz, galardoada na convocatoria de 2022.