Xa está dispoñible a web oficial de Xogalego, un catálogo en liña de videoxogos en galego que nace co obxectivo de facilitar a localización de títulos dispoñibles nesta lingua. O proxecto preséntase como unha ferramenta aberta pensada para superar as dificultades que ofrecen as grandes plataformas dixitais á hora de identificar xogos que inclúan o galego entre as súas opcións lingüísticas.
A iniciativa xorde, segundo explican os seus impulsores, polas limitacións actuais de páxinas e tendas dixitais como Steam ou as plataformas de Sony, Nintendo e Microsoft, onde non sempre é doado filtrar ou atopar contidos dispoñibles en galego. Neste contexto, Xogalego pretende reunir nun único espazo os videoxogos que apostan pola nosa lingua, facilitando a súa descuberta por parte das persoas usuarias interesadas en xogar en galego.
O catálogo non se limita aos lanzamentos actuais. Un dos seus obxectivos é tamén recoñecer as traducións realizadas por afeccionados en décadas anteriores, especialmente nos anos 80, 90 e 2000, contribuíndo así a recuperar e visibilizar un traballo que formou parte da historia do videoxogo en galego. Deste xeito, a plataforma procura ofrecer unha visión ampla e diversa da presenza da lingua galega neste ámbito cultural.
Ademais da función de listaxe, a web quere actuar como un punto de encontro entre a sociedade xogadora galega e os estudos ou persoas que crean ou traducen videoxogos ao galego. A través deste escaparate común, Xogalego aspira a dar visibilidade aos proxectos que incorporan o galego e a presentalos a un público interesado neste tipo de contidos.
O proxecto pon tamén o foco no uso dos videoxogos en galego no ámbito educativo e familiar, entendéndoos como unha ferramenta máis de normalización lingüística. Neste sentido, Xogalego prevé ampliar a súa actividade máis alá do catálogo dixital, con visitas a centros educativos e outras accións destinadas a achegar os videoxogos en galego á sociedade e a combater os prexuízos que aínda existen arredor deste medio nalgúns sectores.
Antes do seu lanzamento público, a iniciativa foi recoñecida co Premio a Proxectos Singulares da Deputación da Coruña. A súa posta en marcha coincide cun momento de especial visibilidade para o sector do videoxogo en Galicia, impulsado tamén por eventos recentes como Píxel a Feira, que contribuíron a pór en valor esta industria cultural e a atraer un público cada vez máis amplo.
Xogalego está dispoñible no enderezo www.xogalego.gal e é unha creación de Recuncho Gamer, un proxecto pioneiro en galego arredor dos videoxogos liderado por Iago Gordillo (Carral, 1986). Recuncho Gamer conta cun equipo de seis persoas e desenvolve o seu labor divulgativo a través de diferentes formatos audiovisuais, como videoensaios, podcasts, entrevistas e directos en plataformas como YouTube e Twitch, entendendo os videoxogos como un produto cultural no que converxen diversas artes.