Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Xesús Mosquera, un dos impulsores de @AgasalloEu: “Nos mercadiños vese a variedade de produtos e enorme creatividade da terra vehiculada en galego”

En plena época de alicientes ao consumo rápido, asomando en cada ornamento luminario de estrelas, renos ou lazos, cómpre entender “o acto da agasallar nun sentido amplo” e, de ter un detalle persoal, mellor facelo na lingua propia, a caixa de debaixo da árbore que máis “debe ser celebrada”. Así define Xesús Mosquera o planteamento e requisito principais cos que, dende a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, foi creado o proxecto de difusión de ítems e artigos en galego @agasalloeu. Dende a “colaboración” cos produtores “dende libros a chaveiros” en galego, AgasalloEu está principalmente tras a promoción de pequenas marcas como a editorial Aira ou a marca de artesanía Eailustra, sen desatender ás marcas máis coñecidas, e envoltas, pola cidadanía galega. O empequenemento dunha oferta vencellada ao territorio agrávase “no ámbito da xoguetaría, electrónica, videoxogos e produtos de lecer” e ven na infancia e xuventude os agasallados máis perxudicados. Moita Peppa Pig e ningún Porco Bravo nas grandes cadeas de xogueterías. Para equilibrar a situación con respecto aos centros comerciais e grandes empresas, Mosquera apunta o “papel fundamental” das administracións, con boas propostas como o Programa Apego.

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de Agasallo (@agasalloeu)

Cando se deu e cal foi a motivación para a creación dun usuario de difusión de agasallos en galego?

Agasallo naceu no 2013, na edición do Culturgal. Presentouse á sociedade coa idea de contribuír a difundir todo tipo de produtos que axudasen a visibilizar a lingua galega. É dicir, para alén dos tradicionais libros ou discos de música, calquera outro produto cunha mensaxe en lingua galega (camisolas, bolsas, paraugas, ilustracións, etc.). Digamos que entendemos o acto de agasallar nun sentido amplo e non só restrinxido a festividades ou datas concretas. Dende unha xubilación á estrea dun piso, calquera é bo momento para ter un detalle con alguén, de modo que se hai felpudos con mensaxes en galego, pois por que non considerar que se pode facer un agasallo con eles?

Para localizar os diferentes artigos, como é o proceso de busca?

Non temos un método específico, máis alá de dispormos dunha listaxe interna de editoriais, empresas, grupos musicais, profesionais ou estudios de deseño ás que seguimos. Noutras ocasións, son os propios fabricantes os que nos contactan vía redes ou correo electrónico e nos remiten, periodicamente, información sobre as súas novidades. Tentamos ir alternando no tipo de produto e dar cabidaa calquera produto, todo serve: dende un libro ata un chaveiro ou unha pulseira. O requisito é claro: transmitir ou estar en galego. E os nosos cancelos de cabeceira innegociables son #agasallaengalego e #agasallacogalego. Divulgando un produto en concreto, de modo indirecto promocionamos o fabricante en cuestión e o resto do seu catálogo ou produción. Procuramos, asemade, atender os produtos de alimentación con etiquetaxe galega, aínda que é un sector que a este respecto presenta unhas peculiaridades específicas que dificultan o seu seguimento. Agasallo é un proxecto que, desde os seus inicios, mantemos de xeito completamente voluntario e altruísta dende a directiva da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua. Facémolo como unha colaboración; un complemento ou extra á propia difusión que a empresa responsable faga do seu produto.

Tedes algún modus operandi co que plantexedes a vosa presencia na rede?

Inicialmente Agasallo era tamén un portal web. Nel os produtos estaban clasificados por categorías e mesmo por idades. Tamén existía a posibilidade de que a persoa usuaria crease o seu propio catálogo personalizado. Co desenvolvemento de Internet e o auxe das redes decidimos centrarnos únicamente nestas por unha cuestión de tempo e axilidade. Agora abrimos perfil en Bluesky, a maiores dos de Facebook, en X e no Instagram. Desde sempre fixemos sorteos de produtos cedidos por editoriais e demais empresas. Por citar os máis recentes, podemos mencionar a colaboración con Aira Editorial, selo que este ano chegou aos 100 títulos e mantén unha excelente colección de clásicos ilustrados que medra cada ano. En 2023 subscribimos un convenio coa Asociación Puntogal consistente en sortear canda a ela mensualmente lotes de produtos de editoriais e marcas galegas. A acollida dos sorteos adoita ser moi boa.

Que feedback, ou actitude “de volta”, recibides por parte dos artesáns/creadores que promocionades dende a vosa conta?

Moi positiva e agradecida, especialmente por parte de pequenos artesáns, editoriais que están comezando. Tamén de persoas que se autoeditan ou profesionais autónomos do deseño ou ilustración. Dun tempo a esta parte tendemos a priorizar a divulgación de produtos procedentes deste perfil de creadores/as menos coñecidos ou cun catálogo de produtos máis reducido. Mesmo non teñen por que ser galegos. Queremos pensar que o feito de haber un proxecto que axude a divulgar produtos que portan a lingua galega pode servir de estímulo para que a oferta na nosa lingua se consolide e medre.

En que franxa de idade existe unha maior ausencia de oferta de detalles galegos?

En todas. Mais é inevitable pensar que, para a infancia e a mocidade, hai moitas carencias. Isto converte aínda en máis meritorias as iniciativas e a oferta existente que hai para estas etapas. No subconsciente, tendemos a asociar esas franxas de idade como as máis proclives a recibir agasallos. É unha realidade que o ámbito da xoguetaría, electrónica, videoxogos e produtos de lecer en xeral constitúen un amplísimo campo en que as ausencias son enormes.

 

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de Agasallo (@agasalloeu)

Dentro dos diferentes puntos de venda, visibilizades certo aumento da presenza do galego?

Percibimos que os produtos en lingua galega teñen cada vez maior visibilidade mais esta, nos tempos actuais en que recibimos tanta información por tan diferentes vías, nunca será abonda. Todas e todos sabemos localizar nunha cidade ou vila galega onde están situadas as tendas do Rei Zentolo ou Nikkis Galicia, por citarmos dúas marcas pioneiras no que a deseño galego respecta, ou tendas multimarca con cousas chulas que se prestan para facer agasallos. É habitual ver postos de venda en festivais de música, mercados na rúa… Sen esquecer as feiras de libros. Mais, insistimos, toda visibilidade que se consiga nunca ha ser suficiente.

Quen queira agasallar en galego, por onde debe comezar a pescudar?

Pois, ademais de seguirnos a nós, hai todo un clásico que é o catálogo de “Nadal da Mesa pola Normalización Lingüística”, dentro do seu proxecto ‘Abertos ao galego’. O ano pasado, por exemplo, cónstanos que se distribuíu en papel e tivo moi boa acollida, alén de circular pola rede en formato PDF. Tamén hai portais como, por exemplo, Creativas galegas onde é posible atopar un bo número de artistas e creadoras con moita e moi boa produción en galego. Tamén percibimos, sinaladamente por estas datas, moitas creadoras se animan a facer vídeos e publicacións para divulgar e recomendar produtos quer de xeito voluntario e en colaboración coas propias marcas, circunstancia que nos agrada e parece estupenda. Insistimos: toda iniciativa que contribúa a divulgar a lingua galega, sexa no soporte ou produto que for, debe ser celebrada. Nos numerosos mercados de Nadal que se organizan en moitas localidades tamén acostuma haber unha nutrida presenza de artesás e artesáns con produtos orixinais e portadores da lingua galega. Quen se achegue a calquera destas propostas poderá comprobar a variedade de produtos e a enorme creatividade que hai no país vehiculada en galego con orgullo e calidade.

Tedes algún agasallo que sexa “un básico”? E un imperdible para este Nadal 2024? 

Se nos temos que mollar, calquera xogo de mesa ou de cartas de ‘Ozocogz’, calquera xoguete de Brazolinda ou as bonecas do proxecto Mitoloxicas.gal etc. polas razóns anteditas. Canto á produción editorial, hai volumes para todas as idades que en deseño, calidade e variedade de títulos están á altura de calquera literatura infanto-xuvenil de calquera idioma. Aquí si que non mencionaremos nomes de editoriais porque a listaxe sería moi longa. Para a mocidade, e falando de música, hai unanimidade en que o momento que vivimos é excelente e do máis variado, por tanto discos non deberían faltar segundo os gustos! Para persoas adultas pensamos que teñen moi boa saída as axendas anuais en galego cuxo número percibimos que vai en aumento ano tras ano. Desde as clásicas de ‘Animosa’, ‘Baia Edicións’, ou ‘Irmás Cartoné’ ata as de estudios de deseño como é ‘Brétemas’ e mesmo outras que obedecen a proxectos persoais. Seguide as nosas redes e estes días tentaremos ir dando conta de todas as que saibamos!

É posible galeguizar o discurso navideño para as crianzas?

Ao redor do Nadal técese toda unha serie de actividades de lecer pensadas para as crianzas. Atraccións, obradoiros de actividades, recitais… Todas co seu punto final na cabalgata de Reis. O galego nestas adoita ser un espello do que acontece no resto da sociedade, por tanto, sempre vai ser mellorable. Resulta preocupante, ademais, ver como gañan cada vez máis protagonismo os centros comerciais e as actividades lúdicas vinculadas a grandes marcas ou produtos audiovisuais en que a lingua galega fica completamente ausente. É por iso que as administracións xogan aí un papel fundamental para tentar compensar estes desequilibrios na oferta. Véxase, por exemplo, o Programa Apego que nestas datas acostuma adaptar a súa programación para vinculala ao Nadal. Os consumidores tamén teñen a súa parte de responsabilidade: apostando por produto local, de proximidade, de noso e por eventos con presenza de artistas da terra. A revitalización que se percibe nalgúns espazos da figura do Apalpador, as numerosas propostas musicais pensadas para a cativada e a riqueza do repertorio de panxoliñas e cantos de Reis son un bo comezo.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.