O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, reivindicou a presenza do galego en Asturias para reclamar que se declare a súa oficialidade, en igualdade de condicións que o asturiano, no novo Estatuto de Autonomía desta comunidade autónoma.
Fíxoo aludindo aos “dereitos” daqueles asturianos que usan o galego e a preguntas dos xornalistas despois de que a institución remitise ao presidente do Principado, Adrián Barbón, ao Goberno de Asturias e aos grupos parlamentarios o informe aprobado no seu último pleno ordinario á mantenta da reforma do Estatuto de Autonomía do Principado.
Sobre o documento da institución académica, sinalou, tal e como recolle Galicia Confidencial, que está “moi documentado” e “moi razoado”. “Convido a lelo e non a moverse por instintos”, sentenciou Freixanes, quen engadiu que a RAG “argumenta as cousas cando as di”. Por outra banda, recalcou que teñen a “obriga” de defender o galego alí onde haxa falantes” sexan “moitos ou poucos”. “A dignidade da lingua galega tamén está no galego exterior”, engadiu aludindo á banda occidental de Asturias, pero tamén ao Bierzo e Zamora.
Na mesma liña, incidiu que o seu obxectivo non é ir ocupar ” nada” e insistiu en que o galego na zona de Asturias máis próxima a Galicia “non é un invento da RAG nin dos galeguistas”. “Se se fala teñen os seus dereitos”, recalcou. Vía Galicia Confidencial.