Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Vendaval inicia o seu Pase de Outono con cinema portugués en catro concellos da Ribeira Sacra

O festival Vendaval, dedicado ao cinema portugués na Ribeira Sacra, abre este xoves 20 de novembro o ‘Pase de Outono’ da súa edición de 2025 cunha programación que se estenderá ata o día 23 en catro concellos do sur lucense. Esta segunda fase do festival —que tivo o seu primeiro pase no verán— continúa baixo o lema ‘Tan cerca, tan lonxe’, cunha selección de filmes producidos nos últimos quince anos que exploran as diferentes formas de distancia e viaxe, tanto físicas como emocionais.

A proposta mantén a súa orientación cara ao cine de autor e o impulso das sinerxías culturais entre Galicia e Portugal, destacando especialmente as coproducións entre ambos territorios. A organización aposta por espazos culturais emerxentes e centros sociais como sedes das sesións, co obxectivo de implicar públicos diversos e facilitar o acceso ao audiovisual contemporáneo en contornas rurais. Algunhas das actividades incorporan, ademais, metodoloxías artísticas participativas que complementan as proxeccións.

O ciclo abre en Monforte de Lemos, no restaurante Trespés, coa curtametraxe de animación ‘Percebes’, de Alexandra Ramires e Laura Gonçalves, acompañada dunha degustación de viños e petiscos previa reserva. Ao día seguinte, o 21 de novembro, a Residencia Neuralmentalia, en Bóveda, acolle a exhibición de ‘The Voyager’, de João González, seguida dun obradoiro de musicoterapia impartido por Patricia Castro.

O sábado 22, o espazo éRibeira Project de Monforte programa a curtametraxe ‘Viagem a Cabo Verde’, de José Miguel Ribeiro, xunto a un taller de expresión gráfica conducido polos artistas DoaOa e Maz. Esa mesma tarde, a Casa da Cultura Olga Novo, na Pobra do Brollón, ofrece unha sesión con catro pezas portuguesas: os documentais ‘O Homem de Trás-os-Montes’, ‘Longe da Amazónia’, ‘Kora’ e a ficción ‘Anjo’.

A programación complétase en Pantón coa proxección de ‘Ariel’, do realizador galego Lois Patiño, dentro do ciclo municipal Outono Cultural e un mes antes da súa chegada ás salas comerciais.

A asistencia ás distintas actividades xestiónase mediante canles dixitais e redes sociais. O festival mantén presenza en Instagram e Facebook, onde ofrece información actualizada e vías de contacto. Para este Pase de Outono habilitouse tamén un grupo público de WhatsApp que facilita a coordinación de transportes entre persoas asistentes, fomentando as viaxes compartidas para reducir o impacto ambiental e fortalecer a creación dunha comunidade arredor do evento.

A través da súa canle de YouTube, Vendaval publica os tráileres das obras seleccionadas e conversas con artistas e colaboradores presentes no pase estival. A iniciativa, promovida pola asociación A Memoria é Náufraga, enmárcase no programa Territorio Cultura, impulsado polo Ministerio de Cultura e a Agadic da Xunta de Galicia.

O obxectivo do festival continúa sendo achegar o cinema portugués ás zonas rurais da Ribeira Sacra mediante actividades de acceso gratuíto, ao tempo que constrúe un tecido cultural e social que terá continuidade no Pase de Primavera, co que se pechará a edición de 2025.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.