Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Todas as linguas cooficiais do Estado, xuntas na primeira coprodución peninsular

As televisións públicas de Euskadi (EITB), Cataluña (3CAT) e Galicia (TVG) anunciaron este mércores, no marco do foro Conecta FICTION & ENTERTAINMENT, a súa asociación para crear ‘Pensión Incompleta’, un proxecto de ficción gravado nas catro linguas oficiais do Estado: galego, eúscaro, catalán e castelán.

A serie — aínda en fase de desenvolvemento e co inicio de rodaxe prevista para o final deste verán — é tamén a primeira coprodución de ficción protagonizada exclusivamente por estas tres corporacións públicas. O proxecto contará tamén coa coprodución de Voz Audiovisual, que asumirá a xestión da rodaxe e a execución do plan de produción, e tamén terá financiamento a través do AGADIC.

A proposta constrúese sobre unha estrutura de guión compartida, que reúne profesionais de Galicia, Euskadi e Cataluña, “achegando puntos de vista diversos, sensibilidade local e vocación integradora”. “Trátase dunha fórmula de traballo que non só abre un novo camiño de colaboración interterritorial, senón que pon en valor as culturas propias e a riqueza idiomática como motores narrativos”, destacan nun comunicado.

A serie desenvolverase como unha road movie que conecta o tres territorios históricos do Estado, con rodaxes previstas en localizacións reais de Galicia, Euskadi e Cataluña. A serie, que foi presentada esta tarde en Cuenca por responsables de contidos das tres canles — Montse Besada, xefa do Servizo de Contidos da TVG; Gorka García, director de Arte e Entretemento de ETB; e Oriol Salga-Patau, xefe do Departamento de Ficción e Cinema de 3CAT –, ten como punto de partida un grupo de viaxeiros do IMSERSO que, da noite para a mañá, convértense nos principais sospeitosos da desaparición de obras de arte.

Será unha serie coral, para todos os públicos, e chegará ás pantallas deste tres territorios en 2026.

Deixe un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.