Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Rosalía de Castro e Murguía, un matrinomio con datos aínda por coñecer

O libro ‘Rosalía e Murguía: datos, datas e documentos (1851-1858)’ foi presentado este xoves, 7 de outubro, no Museo do Pobo Galego, un volume que recolle os descubrimentos realizados en febreiro deste ano en 2021 en Madrid por parte da investigadora galega Sagrario Abelleira.

A obra, segundo informou a Casa Rosalía de Castro nun comunicado, permite completar a biografía de dúas dos grandes referentes das letras galegas, pois achega datos descoñecidos ata o momento.

Na presentación interviñeron, ademais de Sagrario Abelleira, o subdirector do Arquivo Histórico Diocesano de Madrid, Pedro Sabe Andreu; o investigador, ensaísta e colaborador na edición do libro, Miguel Anxo Seixas; o secretario do Instituto Ramón Piñeiro, Armando Requeixo; e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.

Este último destacou a importancia dos descubrimentos e vinculou a investigación de Abelleira co de Vitoria Álvarez Ruíz de Ojeda, que xa achegara datos que desterraban a crenza de que Rosalía fora abandonada pola súa nai.

Ademais, subliñou que estas achegas documentais teñen “un importante impacto simbólico” pola alteración da data de nacemento, pero tamén sobre a biografía de Rosalía de Castro, dado que se constata a importancia da súa relación coa súa nai e desfacer “definitivamente” a súa crianza en Ortoño coa suposta familia paterna. “Estes documentos abren novos camiños para seguir investigando, especialmente no que ten que ver coa estancia de Murguía e Rosalía en Madrid”, asegurou Angueira.

NOVAS ACHEGAS ÁS BIOGRAFÍAS

O libro baséase no traballo de investigación de Abelleira, que localizou en febreiro, no Arquivo Histórico Diocesano de Madrid, o expediente matrimonial inédito de Rosalía de Castro e Manuel Murguía, datado en 1858.

Composto por 12 documentos, este expediente achega nova información descoñecida ata agora sobre a vida dos dous escritores galegos, de utilidade para coñecer as súas amizades, cronoloxía do compromiso de matrimonio, residencias e circunstancias do nacemento de Rosalía.

O primeiro dato inédito desvelado polo libro é a auténtica data de nacemento da poeta: o 23 de febreiro de 1837, e non o día 24, día do seu bautismo. Tamén se sabe agora que Rosalía foi recoñecida como filla natural pola súa nai, Teresa de Castro, entre outros datos.

A escritora galega fora bautizada como ‘filla de pais incógnitos’ e a ausencia de documentación non permitía afirmar se fora legalmente recoñecida. Agora, grazas a unha escritura notarial, demóstrase que Teresa de Castro recoñeceu á súa filla en 1843.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.