Como afecta a débeda pública sobre a recuperación da economía? Ou que nos pode ensinar a vacinación de morcegos vampiros sobre as pandemias? Estes son algúns dos contidos que se poden atopar na nova etapa de Proxector, un espazo web con 600 vídeos didácticos feitos ou subtitulados en galego.
O Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago presentaron este martes o redeseño de Proxector para visibilizar recursos didácticos en galego. “Este proxecto é moito máis que un redeseño visual, é un cambio de concepto para ofrecerlle á comunidade univeristaria e ao estudantado de secundaria, que existen recursos didácticos en galego”, explicou a presidenta do CCG.
Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, fixo fincapé en que é un produto que une tres eixes de acción “ciencia e divulgación científica; un público novo e o feito lingüístico“. Ámbitos nos que tamén coincidiu Gumersindo Feijóo, vicerreitor da USC, que engadiu a importancia de ser un produto audiovisual e en acceso aberto.
Proxector iniciara a súa andaina en 2015 pero entra agora nunha nova etapa con importantes novidades. Dunha banda, todos os vídeos están alonxados no repositorio creado polo CCG, o que lle dá unha maior estabilidade e difusión. E, da outra, amplía o seu público para incorporar recursos para o ensino secundario.
Deste xeito permítese actuar nun ámbito relevante para a normalización lingüística: ESO, bacharelato e FP, o que se ofrecen recursos para materias que non poden darse en galego por lei.
“Son materias para etapas máis desatendidas pola Administración, tal como se reflectiu nas conclusións dos últimos Encontros para a Normalización Lingüística que organizou o Consello da Cultura o pasado mes de Outubro”, explica a máxima mandataria.
Antropoloxía social, bioloxía, dereito, economía, comunicación audiovisual, xornalismo… son moitos os ámbitos temáticos nos que se pode buscar dentro deste repositorio que non produce vídeos propios, senón que concentra nun espazo materiais que existen noutras redes, xa filtrados e etiquetados. A renovación de Proxector arrinca cun especial sobre “virus, epidemias e vacinas. Máis info en Galicia Confidencial.