O Centro Ramón Piñeiro, que desde o pasado 2018 atesoura os materias aínda inéditos de Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), exhuma agora o último libro no que traballaba a escritora antes do seu pasamento nunha edición preparada polo investigador e crítico literario Armando Requeixo.
O volume, con formato de almanaque e presentado nun estoxo, recupera o traballo de Luísa en edición facsímile e engade unha transcrición completa dos textos manuscritos, amais dun amplo estudo introdutorio que constitúe a primeira aproximación integral tanto á biografía coma á poética da escritora.
“Luísa Villalta. As palabras ingrávidas” é o nome deste volume, editado pola Xunta de Galicia a través do Centro Ramón Piñeiro. O volume recupera o proxecto do derradeiro traballo da poeta, pois recolle poemas escritos da súa man apenas unhas semanas antes do seu pasamento. O secretario xeral de Política Lingüística, Valéntín García participou na presentación de Luísa Villalta. As palabras ingrávidas, xunto a María Gómez e Susana Villalta, nai e irmá, respectivamente, de Luísa, e Armando Requeixo, editor do libro e estudoso da autora.
Unha autora polifacética
Villalta, licenciada en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela e titulada superior en violín, exerceu como profesora de Lingua e literatura galegas no IES Isaac Díaz Pardo de Sada e formou parte da Orquestra de Santiago de Compostela e, máis tarde, da Xove Orquestra de Galicia, así como de diversos grupos de cámara galegos.
Como poeta a súa relevancia é unanimemente recoñecida e aínda cómpre sumar a este labor as súas destacadas contribucións nos eidos do ensaio, a dramaturxia, a narrativa ou a tradución, que fan dela unha das autoras máis polifacéticas do seu tempo. Dan boa conta da importancia da súa escrita poemarios como ‘Ruído’ (1995), pezas teatrais como ‘As certezas de Ofelia’ (1999), obras narrativas como ‘As chaves do tempo’ (2001), ensaios como ‘Libro das colunas’ (2005) e traducións como ‘Manifesto por un novo teatro’, de Pier Paolo Pasolini.