O Teatro Principal da Estrada acolleu este martes o acto de entrega dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística 2025, coincidindo coa festividade do patrón local. O evento, que cumpre trinta e cinco edicións, reuniu representantes institucionais, premiados e público nunha xornada de celebración arredor da lingua galega.
Os galardoados desta edición foron o espazo radiofónico ‘O Recuncho da Lingua’, da emisora municipal Radio Estrada, na categoría comarcal; o músico e investigador Abraham Cupeiro, na sección galega, e o médico Ramiro Varela Cives, distinguido por toda unha vida de compromiso coa lingua.
O acto, presentado por Chus Fernández Bascuas e coa lectura da acta a cargo de María Ruzo, estivo amenizado pola música de A Requinta de Lampai. As esculturas creadas polo artista Manolo Vilaverde, símbolo dos premios dende hai anos, foron entregadas por representantes do padroado, da Xunta e do Concello.
‘O Recuncho da Lingua’, conducido pola mestra Pilar Bernárdez, recibiu o premio comarcal pola súa traxectoria de seis anos en antena promovendo o uso do galego entre a mocidade e divulgando a obra de autores estradenses. O xurado destacou tamén o seu papel como “foco difusor da historia, das tradicións e da cultura popular da comarca”.
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, entregou o Premio San Martiño Galicia Enteira a Abraham Cupeiro, músico coñecido pola recuperación de instrumentos ancestrais e pola creación de novas sonoridades a partir deles. López Campos salientou o “esforzo e dedicación da sociedade galega coa súa lingua e cultura”, e valorou a contribución de proxectos locais coma este á prestixiación do galego.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, foi o encargado de entregar o galardón honorífico ao doutor Ramiro Varela Cives, estradense recoñecido pola súa defensa constante do idioma ao longo da vida profesional e persoal. Na súa intervención, Louzao lembrou á poeta Avelina Valladares, autora á que se dedica este ano o Ano Cultural Estradense, citando os seus versos para afirmar que “se xoia é Galicia, xoia é o noso idioma”.
O rexedor insistiu en que o galego “non é unha reliquia, senón un instrumento que segue vibrando e facendo vibrar cada vez que o tocamos”, en alusión á labor musical de Cupeiro. Ademais, subliñou que a normalización “non se constrúe só con grandes xestos, senón co esforzo diario de quen cre na lingua e a fai presente en cada ámbito da súa vida”.
Os Premios San Martiño, promovidos polo Concello da Estrada, recoñecen dende 1990 o labor de persoas e entidades que contribúen á promoción e á presenza social do galego. Na edición anterior foron distinguidos o Grupo Valenciaga, o narrador Celso Sanmartín e a asociación Cantigas e Frores.