O Proxecto Nós, desenvolvido polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela, vén de sumarse á iniciativa Modo Galego, actívao!, un programa de inmersión lingüística impulsado pola Real Academia Galega e o Concello de Ames.
O programa, que implica de maneira simultánea a todos os centros educativos públicos do municipio amesán, propón ao alumnado unha serie de retos diarios e semanais ao longo de varios meses co obxectivo de fomentar o uso do galego. A iniciativa procura, ademais, a implicación de toda a comunidade educativa, tanto dentro como fóra das aulas, incluíndo profesorado, familias e persoal de actividades complementarias.
No marco desta colaboración, o Proxecto Nós formulou un reto específico dirixido ao alumnado e ás súas familias centrado na doazón de voces en galego a través da plataforma Common Voice. O obxectivo era contribuír á mellora da presenza do idioma galego no ecosistema dixital e favorecer a súa integración no desenvolvemento de aplicacións baseadas en intelixencia artificial.
Aínda que neste momento non se dispoñen de datos cuantitativos definitivos sobre a participación, ao estar aínda en marcha o reconto das achegas, desde a organización realízase unha avaliación cualitativa positiva da experiencia. Segundo indican, desde a fin de semana na que se desenvolveu o reto detectouse un incremento significativo de novos fragmentos de fala espontánea na plataforma, con centos de gravacións recentes.
Diversidade de voces e contidos
As novas achegas caracterízanse pola súa diversidade tanto en idades como en rexistros. Entre as gravacións rexistradas figuran intervencións de rapazas e rapaces que falan sobre instrumentos musicais, libros, comidas ou mascotas, así como sobre os seus pasatempos e aspiracións de futuro. Tamén aparecen reflexións relacionadas coa experiencia das persoas maiores ou cuestións de carácter social, como o sistema electoral, a xestión económica ou o cambio climático.
Xunto ao alumnado, rexistrouse unha participación destacada das nais, pais e persoas titoras, que non só gravaron intervencións propias senón que tamén acompañaron ás crianzas no proceso, colaborando na lectura das preguntas e na elaboración dos diálogos.
Desde o ILG sinalan que a colaboración con Modo Galego, actívao! constitúe un exemplo de cooperación entre institucións académicas e comunidade educativa para avanzar na normalización do galego no ámbito tecnolóxico. A entidade agradece o convite a participar na iniciativa e a implicación das persoas que decidiron doar a súa voz.
Cómpre lembrar que a plataforma Common Voice permanece aberta á participación cidadá, permitindo que calquera persoa poida contribuír con novas gravacións e reforzar así a presenza do galego nas ferramentas dixitais e nos sistemas de intelixencia artificial.