Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

O programa de ensino de galego en territorios limítrofes consolídase con 1.207 estudantes

O Programa de promoción do galego nos territorios de Castela e León limítrofes con Galicia confirma a súa consolidación ao chegar neste curso 2025-2026 ás 1.207 persoas matriculadas, unha cifra que supón un incremento de case trinta estudantes respecto ao ano académico anterior. Así o trasladou a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tras a reunión da comisión de seguimento do plan, integrada por representantes dos dous gobernos, na que se avaliaron os resultados actuais e se perfilaron as accións previstas para os próximos meses.

A iniciativa, posta en marcha polo Executivo leonés e apoiada pola Xunta dende 2006 ao abeiro dun protocolo de colaboración, mantén o seu carácter voluntario e está dirixida á ensinanza non universitaria do Bierzo e Sanabria. Neste curso impártese en 13 centros de Educación Infantil e Primaria do Bierzo e nun centro de Lubián, que suman 991 estudantes. Ademais, continúa activa en catro centros de Secundaria da comarca, con 158 alumnos, e na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada, que achega outras 58 matrículas.

O programa complétase con propostas culturais e extraescolares destinadas a reforzar o contacto coa lingua e coa cultura galegas. No calendario deste curso figura a organización das XVIII Xornadas Martín Sarmiento, así como actividades arredor das Letras Galegas e unha viaxe a Galicia para o alumnado participante.

A oferta formativa tamén se ve reforzada pola convocatoria anual dos exames Celga en Ponferrada, que permiten acreditar oficialmente o nivel de competencia lingüística en galego. Nas dúas quendas celebradas este ano, en maio e novembro, matriculáronse 637 persoas, unha cifra que confirma a demanda destas probas no ámbito leonés.

A proxección exterior do galego, unha das liñas do novo plan de normalización

A expansión do galego fóra das súas fronteiras administrativas, especialmente en áreas limítrofes ou con presenza histórica ou social da lingua, é un dos eixos que están a ser abordados nas mesas de traballo do Pacto pola Lingua, encargadas de revisar o Plan xeral de normalización.

Segundo os datos facilitados pola Xunta, máis de 4.400 persoas estudan galego fóra da Comunidade en 2025. Ás matrículas do Bierzo e Sanabria súmanse as 1.000 vinculadas a lectorados no estranxeiro e outras 407 en universidades españolas. Tamén se forman na lingua 950 persoas a través dos Centros Galegos, Casas de Galicia e Institutos Cervantes distribuídos internacionalmente. A estas cifran engádense os 500 alumnos do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires e 75 do Instituto Vicente Cañada Blanch de Londres.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.