Os grupos de traballo do proceso social Lingua Vital xuntáronse este sábado en Compostela nun novo encontro destinado a analizar en profundidade as propostas remitidas por colectivos sociais e persoas a título individual ao longo das últimas semanas. Estas achegas foron recollidas nos encontros e plenarios organizados por Queremos Galego en 15 comarcas galegas, un proceso que continúa aberto e que busca construír un diagnóstico plural e participado sobre a situación actual da lingua.
Segundo explicaron desde a organización, o obxectivo central desta fase é avaliar o grao de cumprimento dos compromisos sobre a lingua galega asumidos nas últimas dúas décadas, así como identificar os obstáculos que dificultaron a súa aplicación efectiva. Entre os consensos de referencia situáronse documentos como o Plan de Normalización Lingüística de 2004, a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias e a chamada Lei Paz Andrade, textos aprobados con amplo acordo institucional e social.
Neste encontro de Compostela participaron representantes de máis de 100 entidades procedentes de sectores diversos, desde o ámbito educativo e cultural até o económico e o asociativo. A metodoloxía de traballo centrouse na posta en común das propostas recibidas e na elaboración dun primeiro borrador de accións que, segundo destacan, deberán implicar tanto a colectivos sociais como a institucións públicas na súa execución.
Lingua Vital insiste en que o proceso continúa en marcha e permanece aberto á participación cidadá. Nas vindeiras semanas celebraranse novos plenarios comarcais, cos que se pretende seguir ampliando a base social implicada na construción dunha alternativa desde a sociedade á emerxencia lingüística.