A facultade de Ciencias Xurídicas e Traballo da Universidade de Vigo puxo en marcha unha iniciativa pioneira no centro a comezos deste ano 2022: un premio á investigación xurídica en galego. Só lles faltaba por determinar que nombre levaría o galardón. Grazas á participación da comunidade da facultade escolleuse o nome do avogado nado en Tomiño Xosé Lois Franco Grande.
Xosé Lois Franco Grande, nado en 1936, licenciouse en Santiago e, posteriormente, afincouse en Vigo, onde exerceu a avogacía e foi xefe da Asesoría Xurídica de Caixa Vigo. Foi tamén membro da Real Academia Galega da Lingua e publicou numerosos artigos e traballos sobre diferentes figuras da cultura galega e colaborou con diferentes medios de comunicación como La Voz de Galicia, La Noche, Ínsua, Grial, etc.
Tamén formou parte do consello de Editorial Galaxia e destacou como escritor, tanto de poesía como de teatro, aínda que unha das súas obras máis coñecidas é o Dicionario de galego-castelán publicado en 1968, que se converteu nun instrumento fundamental para a recuperación da lingua galega, tras a prohibición durante o franquismo, e que vendeu máis de cincocentos mil exemplares.
PRESENTACIÓN DE TRABALLOS
O Premio de Investigación xurídica en lingua galega Xosé Lois Franco Grande, impulsado polo decanato, ten como obxectivo fornecer o proceso de dinamización lingüística da Universidade de Vigo e fomentar o emprego da lingua nos traballos de investigación xurídica. O prazo de presentación dos traballos, que deberán ser individuais, finalizará o día 20 de abril de 2022.