Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

O ILG profundará do 28 ao 30 de novembro nas dinámicas xeradas en contextos de contacto lingüístico

O simposio anual do Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) desenvolverase do 28 ao 30 de novembro baixo o lema ‘Contacto de linguas: identidades e ideoloxías lingüísticas’. O encontro abordará o papel das identidades e das ideoloxías lingüísticas nas dinámicas de variación e mudanza lingüística en contextos de contacto lingüístico. O prazo para formalizar a inscrición en liña permanecerá aberto ata o 23 de novembro.

O foro que se desenvolverá na Facultade de Filoloxía propón unha reflexión sobre as identidades e ideoloxías lingüísticas das persoas falantes de linguas minorizadas, destacando a intersección con outras identidades, como étnicas e de xénero. A diversidade lingüística e o uso de repertorios lingüísticos en contextos de contacto lingüístico tamén serán temas tratados, xuntamente co multilingüismo, a interculturalidade e a superdiversidade lingüística.

Esta vixésimo terceira edición dos simposios do ILG contará co relatorio de apertura ‘Multilingüismo: factores gramaticais, cognitivos e discursivos’, a cargo de M. Carmen Parafita Couto. Entregaráselle un certificado de participación a aquelas persoas que asistan ao 80% das sesións.

Seccións

O simposio estruturarase en tres seccións. Por unha banda, acometerase a ‘Variación, contacto e cambio lingüísticos en situacións de minorización lingüística’. Nesta sección tratarase o papel que as identidades e ideoloxías lingüísticas xogan (e xogaron) nas dinámicas de variación e cambio lingüísticos. Así mesmo, “achegarémonos á variación lingüística como indexadora de identidades sociais, culturais ou étnicas”, apuntan dende a organización.

No apartado dedicado a ‘Identidades e ideoloxías lingüísticas’, trataranse as identidades e as ideoloxías lingüísticas, especialmente, dos falantes de linguas minorizadas. Tamén se atenderá a interseccionalidade destas identidades lingüísticas coas identidades étnicas ou de xénero, entre outras.

Finalmente, a sección ‘Diversidade Lingüística’ centrarase no significado discursivo que xera o emprego e manexo de repertorios lingüísticos nos contextos de contacto lingüístico. Tamén se tratará o multilingüismo, a interculturalidade ou a (super)diversidade lingüística.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.