Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

O CCG lanza Seteventos, un pódcast sobre as interaccións históricas e culturais de Galicia

Nortada, Vendaval, Soán, Poñente, Nordés, Levante e Ábrego son algúns dos nomes cos que a meteorología popular e mariñeira galega identifica os ventos segundo a súa procedencia. Estes termos dan tamén título a ‘Seteventos’, o último proxecto de pódcast impulsado polo Consello da Cultura Galega (CCG), que propón unha lectura das interaccións de Galicia con outros países, culturas e procesos históricos a través dunha narrativa contemporánea.

A iniciativa foi presentada en rolda de prensa pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, quen sinalou que o obxectivo do proxecto é “amosar a interacción entre Galicia e calquera outra dirección e, de paso, amosar o fondo enorme de gravacións e materiais do CCG”. O pódcast toma así como punto de partida un imaginario compartido —o dos ventos— para trazar conexións máis amplas no tempo e no espazo.

Pola súa banda, o coordinador da Área de Produción de Contidos e Difusión, Manuel Gago, explicou que ‘Seteventos’ “encaixa nunha liña da institución de trasladar a cultura galega a todos os formatos”, incidindo na aposta do CCG polos contidos dixitais e sonoros como ferramentas de divulgación cultural.

Na presentación participaron tamén Gabri Fuentes e David Gesteira, autores do pódcast, que detallaron o enfoque do proxecto. Cada episodio parte dunha escolma de fitos, persoas ou acontecementos representativos, empregando unha narrativa actual para establecer pontes entre Galicia e outras zonas do mundo, atendendo tanto aos movementos históricos como aos intercambios culturais.

O proxecto componse de sete episodios, que xa están dispoñibles na Ágora, a plataforma de pódcast do CCG, así como nas principais plataformas de distribución sonora, entre elas iVoox, Spotify e YouTube. Con ‘Seteventos’, o CCG amplía o seu catálogo de contidos dixitais e reforza a difusión do seu arquivo sonoro e documental, ofrecéndoo a novos públicos a través do formato pódcast.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.