Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

“Non comparar, senón compartir”: as autonomías con linguas propias reclaman máis apoio estatal

A promoción das linguas cooficiais entre a mocidade e a súa presenza nos ámbitos económico e xudicial foron algúns dos principais temas abordados este mércores en Santiago na reunión anual da comisión de seguimento do Protocolo de colaboración en materia de política lingüística.

No encontro participaron representantes de Euskadi, Cataluña e Illas Baleares, mentres que Navarra e Valencia o fixeron por videoconferencia. O secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacou ao remate da sesión que un dos puntos centrais foi o posicionamento conxunto ante o Consello das Linguas Oficiais, cuxa constitución está prevista para o próximo 3 de novembro en Donostia-San Sebastián.

Segundo explicou García, “o feito de ter un posicionamento común das comunidades autónomas con linguas oficiais e con linguas propias dá fortaleza a este protocolo“. O responsable galego subliñou tamén a importancia de avanzar en liñas de cooperación interterritorial, especialmente en áreas dependentes do Estado, como a administración de xustiza.

A reunión serviu ademais para tratar cuestións relacionadas coas novas xeracións, a rede europea das linguas rexionais ou minoritarias e a promoción das linguas no contorno laboral e socioeconómico, ámbitos nos que as administracións autonómicas coinciden na necesidade de reforzar a presenza das linguas propias.

O viceconselleiro de Política Lingüística do Goberno Vasco, Aitor Aldasoro Itube, valorou a utilidade destes encontros: “Máis aló das cousas meramente oficiais que pretendemos trasladar ao Estado como petición, esta reunión válenos para traballar en conxunto sobre diferentes temas estratéxicos. É produtivo porque nos permite ver o marco xeral, por onde anda cada un e o camiño a seguir”.

Interpelados polos medios sobre as posibles diferenzas entre territorios, os representantes coincidiron en reivindicar un espírito de cooperación e aprendizaxe mutua. “Non se trata de comparar, senón de compartir”, resumiron, poñendo o acento na forza das reivindicacións conxuntas fronte aos desafíos comúns na promoción das linguas cooficiais.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.