O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou este venres a nova edición de Nadal en Rede, a campaña de dinamización lingüística impulsada pola Xunta de Galicia que alcanza neste 2025 a súa décimo cuarta edición. A programación inclúe actividades de lecer en galego dirixidas tanto á rapazada como ao público adulto e desenvolverase durante o período festivo en preto de medio cento de concellos de toda a comunidade.
No acto de presentación, no que estivo acompañado por representantes das compañías participantes, Valentín García explicou que o obxectivo da iniciativa é “propor alternativas de ocio para todos os públicos, tanto cativada como persoas adultas”, subliñando a importancia de que a cidadanía poida “gozar durante estas festas de diversas actividades na nosa lingua”. Segundo indicou, Nadal en Rede busca achegar o galego a espazos de lecer e convivencia familiar a través dunha programación diversa e descentralizada.
A proposta complétase, segundo avanzou o responsable da Secretaría Xeral da Lingua, coa xira de Nadal dos Bolechas e con seis espectáculos da compañía Pistacatro, recentemente recoñecida co Premio Nacional de Circo 2025, cuxas datas concretas se darán a coñecer nos vindeiros días.
A música infantil terá un papel destacado na programación. O grupo A Gramola Gominola achega a Nadal en Rede un espectáculo de panxoliñas cunha estética rock baseada no seu cuarto disco, O Nadal coa avoa Fina. A banda, integrada por Paco Cerdeira, Paula Romero, Anxelo de Xermar e Rodrigo Muñoz, actuará durante o mes de decembro en Poio, Sanxenxo, A Estrada, Pazos de Borbén, Ribeira e Chantada.
Tamén a música infantil de Pakolas estará presente coa proposta Ecoralia, centrada na importancia dos alimentos ecolóxicos e do coidado do medio natural. Este concerto chegará aos concellos de Vila de Cruces e Mugardos.
O teatro e o humor chegan da man de Saaabor de Nadal, unha comedia para todos os públicos dirixida por Avelino González, interpretada por Félix Rodríguez e Fran Rei e con escenografía de Kukas. A peza combina música, maxia e participación do público nunha historia ambientada no universo da gastronomía e das festas. O espectáculo percorrerá os concellos de A Pontenova, Frades, Chandrexa de Queixa, Ponte Caldelas e Moraña.
No ámbito da maxia, Francisco Castro & Banda presentan Gale-pop!, unha proposta que mestura ilusionismo con éxitos do pop galego recente, reivindicando a diversidade da tradición musical do país. As actuacións están previstas en Salvaterra de Miño, Coristanco e Becerreá.
A programación inclúe tamén propostas de carácter divulgativo e de recuperación da memoria musical. Verónica Santalices e Federico Welicki ofrecerán o concerto didáctico Faustino Santalices. O legado, dedicado á figura do gaiteiro e musicólogo de Bande, co obxectivo de dar a coñecer a súa relevancia cultural. A actividade chegará a Viveiro e Fisterra.
No marco do peche do ano dedicado ás cantareiras e á poesía popular galega, a Rede de Dinamización da Lingua suma o concerto Cantares e contares!, a cargo de Tres Pesos, formación integrada por Felisa Segade, Xoan Porto e Xosé Antón Ferreira (Pepe de Calo). A proposta, centrada na transmisión oral e no repertorio tradicional, visitará Bueu, Cerceda e Neda.
Entre as novidades figura Xiro, un proxecto musical nado en 2025 no que dialogan a voz e percusión de Icía Kirk co saxo de Andrés Pérez e o acordeón de Xan Pampín, a partir das melodías tradicionais galegas. Actuarán en Outes, Viveiro, Lalín e Manzaneda.
Pola súa banda, Ugía Pedreira presenta o concerto Solsticio de inverno, no que combina creación propia e repertorio tradicional, cunha proposta que conecta xeracións e territorios desde unha ollada contemporánea. As actuacións terán lugar en Ribadavia e Ribadeo.
A narración oral chega da man de Celso Sanmartín co espectáculo Contar, unha recompilación de relatos da tradición transmitidos con humor e pensados para todo tipo de públicos. Estará en Bóveda, Carballedo, Ponteceso, Forcarei e Arzúa.
O teatro infantil suma a proposta Vicki e a felicidade, da compañía Bandullo Azul, unha viaxe con música e maxia arredor da empatía, da igualdade e dos coidados. O espectáculo pasará por Ares, Outeiro de Rei, Meaño e Abegondo.
Os Bolechas regresan con As lamberetadas de Nadal, unha proposta teatral con música pensada para o público infantil, que visitará Vimianzo, Xinzo de Limia, O Barco de Valdeorras, Bueu, Padrón, Viveiro, Foz e Redondela.
Ademais, o concello de Fisterra acollerá entre o 22 e o 26 de decembro un obradoiro de xogos de mesa en galego a cargo de Brazolinda, que se desenvolverá no Mercado Cultural.
A programación complétase coa presenza da compañía Pistacatro, galardoada co Premio Nacional de Circo 2025, que levará seis espectáculos dirixidos a público familiar: UP2DOWN, Autoestopista Intergaláctico, Trasno, CIGANÍ, Circanelo e NONO. As datas e localizacións concretas destas funcións daranse a coñecer proximamente.
Toda a información actualizada sobre datas, lugares e horarios dos espectáculos de Nadal en Rede pode consultarse no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.