Quizais coñecer as técnicas de gancho ou cales son os ritmos básicos para tocar a pandeireta. Os intereses poden ser diversos, pero Na Utopía englóbaos para que as persoas máis curiosas poidan aprender en galego. Creada pola deseñadora gráfica Lorena García, Na Utopía nace como a primeira plataforma de obradoiros online integramente en galego, reunindo cursos centrados principalmente nos ámbitos creativos, técnicos ou divulgativos. Coa súa recente apertura, o portal ofrece, polo de agora, cinco obradoiros impartidos por diferentes persoas, e que son unha mostra de todo o que pode ter cabida en Na Utopía.
“Contrario ao que poida dar pé a pensar, non son aulas virtuais ou videoconferencias. O que nós facemos é planificar e gravar un obradoiro coa persoa en cuestión e preparalo para que todo estea explicado do mellor xeito posible”, explica a creadora nunha entrevista para Galicia Confidencial. Unha vez na rede, os usuarios poderán mercar o obradoiro, e visualizalo cando e como desexe, así como repetidas veces ata aprender esa habilidade ou técnica.
Como explica Lorena García, o proxecto naceu como o seu afán de “facer algo útil e valioso de cara á sociedade”. Ela é deseñadora, e a súa profesión adaptábase a idea de crear un portal no que a xente puidese aprender. A isto engade como este proxecto pioneiro en Galicia podía recoller outras inquedanzas da creadora, como o uso e normalización do galego. É por isto, polo uso íntegro do idioma, que Na Utopía sae á luz como a primeira plataforma de obradoiros en lingua galega.
“Non é o galego apto para aprender ou para o ámbito online?”, cuestiónase García, “Para nós é igual de válido que calquera outro idioma, e cremos que temos dereito a aprender na nosa lingua e non temos por que recorrer a outra”. A presenza do galego na rede é algo do que a deseñadora é consciente, polo que con Na Utopía quere normalizar a presenza da lingua nas redes sociais e nos espazos de dixitais, algo que aínda non pasa en moitos ámbitos.
Ademais, entre os seus obxectivos tamén se atopa o de “dar visibilidade a persoas ligadas a traballos artísticos que polo xeral están pouco valorados e en non moi boas condicións, dar espazo sempre que poida ás mulleres, sobre todo en campos nos que estamos máis invisibilizadas, ou á comunidade LGBTQIA+”.
Con respecto á acollida do proxecto, valóraa positivamente, aínda que é coñecedora da falta de confianza e normalidade á hora de comprar e pagar este tipo de contido na rede: “Por un lado, non todo o mundo está habituado a adquirir produtos dixitais e creo que é hora de dar o paso. Hai novos xeitos de aprender e para nada teñen por que rivalizar con outros”.
Polo de agora, xa se poden adquirir cinco obradoiros diferentes, pero a súa idea é xerar máis contido e crear unha especie de comunidade creativa en galego. Entrevista completa en Galicia Confidencial.