A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua e da Dirección Xeral de Xuventude, vén de convocar unha nova edición do concurso en liña #LinguaDeNamorar, unha iniciativa dirixida á mocidade de entre 14 e 35 anos que promove a creación de mensaxes de amor en lingua galega.
O certame ten como finalidade dinamizar o uso do galego nas relacións persoais da xente nova e nas tecnoloxías da información e da comunicación, especialmente na Internet e na mensaxería instantánea. Ademais, procura incrementar a percepción do galego como unha lingua útil tamén para o lecer e a diversión.
As persoas participantes deberán presentar mensaxes inéditas escritas en galego, que poderán estar redactadas tanto en prosa como en verso. A extensión máxima será de 350 caracteres, incluídos os espazos en branco, nas categorías A e B, e de 200 caracteres na categoría C. Cada participante poderá enviar ata un máximo de dúas mensaxes.
A organización valorará o grao de elaboración, a orixinalidade e a calidade lingüística das propostas. Segundo recollen as bases, serán rexeitadas aquelas mensaxes que teñan carácter discriminatorio ou ofensivo.
Tres categorías por idade
O concurso estrutúrase en tres categorías:
-
Categoría A: de 14 a 19 anos
-
Categoría B: de 20 a 35 anos
-
Categoría C: de 14 a 35 anos
Nas categorías A e B estableceranse tres premios en cada unha delas: unha Lenovo Tab 11” con lapis para o primeiro posto, un libro electrónico Kobo Clara para o segundo e uns cascos JBL sen fíos para o terceiro. No caso da categoría C, entregarase un único premio consistente nunha Lenovo Tab 11” con lapis.
O procedemento de participación varía segundo a categoría. Nas categorías A e B, as persoas interesadas deberán rexistrarse na páxina web específica do concurso e cubrir o formulario correspondente. Todas as mensaxes serán publicadas na plataforma identificadas cun título e un número asignado, mentres que as gañadoras serán as únicas que figuren co nome e apelidos das súas autoras ou autores.
No caso da categoría C, exclusiva para a rede social Instagram, será necesario seguir os perfís @xuventudegalicia e @linguagalega. As mensaxes deberán publicarse na imaxe habilitada para o concurso no perfil @xuventudegalicia, indicando en primeiro lugar un cancelo co título e engadindo ao final o cancelo #LinguaDeNamorar, así como a etiqueta de dúas amizades.
Prazo e sistema de votación
O prazo para presentar as mensaxes permanecerá aberto ata o 16 de marzo.
Nas categorías A e B estableceranse dúas fases de selección. Nunha primeira etapa, do 17 ao 22 de marzo, desenvolverase unha votación popular a través da páxina web do concurso. Posteriormente, o xurado elixirá as mensaxes gañadoras entre as 50 máis votadas en cada modalidade.
Na categoría C, o procedemento será inverso. Primeiro, o xurado realizará unha preselección de seis mensaxes entre todas as presentadas que cumpran as bases. O 7 de abril daranse a coñecer estas seis finalistas, que se someterán á votación pública do 8 ao 12 de abril. A mensaxe que acade un maior número de “gústame” será a gañadora. En caso de empate, terase en conta o número de interaccións realizadas por seguidores dos perfís oficiais indicados.
Composición do xurado e resolución
O xurado estará integrado por unha persoa representante da Secretaría Xeral da Lingua, unha representante da Dirección Xeral de Xuventude, unha escritora ou escritor recoñecido en lingua galega, así como Tania Castelo Martínez, gañadora do 1º premio de Novela Curta Xuventude Crea 2025, e Ciro Fernández Briones, gañador do 1º Premio Xuventude Crea 2025 de Poesía.
A resolución publicarase o 14 de abril, data na que se dará a coñecer a listaxe de persoas gañadoras e finalistas nas tres categorías a través da web do concurso e das contas oficiais en Instagram. No caso da categoría C, a persoa autora da mensaxe premiada deberá poñerse en contacto coa organización antes do 20 de abril para reclamar o galardón.
A participación no certame implica a aceptación íntegra das bases, reservándose a organización o dereito de modificar ou interpretar as normas no caso de ser necesario para o correcto desenvolvemento da convocatoria.